Sanidade di aos hospitais privados que pidan compensacións a Madrid

Feixoo e Almuiña nun centro hospitalario

A privatización da Sanidade vaille saír cara á Xunta, pero o Executivo galego parece non disposto a pagar.

Hai uns días, Aspe, a patronal española dos hospitais privados, pedía á Xunta, e nomeadamente ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, unha compensación a estes centros polo apoio prestado para facer fronte ao pandemia do coronavirus. 

O conselleiro respondeu hoxe no transcurso dunha entrevista radiofónica, pero non do xeito que cabería esperar dun representante do Goberno que apostou na privatización da sanidade para, entre outras cousas, maquillar as cifras das listas de espera.  

Nun alarde de cintura política, Vázquez Almuiña dixo que lle parecía “lóxico” que a sanidade privada galega se poida dirixir ao Ministerio de Sanidade para reclamar ditas compensacións e ver “que poden facer por aí”.

O argumento empregado polo conselleiro para eludir a súa responsabilidade foi que ditos centros hospitalarios “estiveron a disposición do mando único”, epor tanto do Goberno español, ao que poderán reclamar polo feito de que, ao ter dita dispoñibilidade, “non podían ir a un ERTE”.