Sanidade pública

Sanidade nega que haxa pacientes "nos corredores" do CHUS: "Están en dispositivos de Urxencias controlados"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
O conselleiro García Comesaña responde á denuncia presentada polo sindicato O'Mega ante Inspección pola "acumulación de pacientes nos corredores", unha cuestión da que o persoal sanitario de Santiago vén advertindo desde hai meses e que o titular de Sanidade reduce a doentes que fican "á espera de subir á planta máis adecuada".

Un día despois de que o sindicato O'Mega, da man da doutora Fátima Nercellas, anunciase a presentación dunha denuncia diante da Inspección de Traballo por mor da "acumulación de pacientes nos corredores de Urxencias" do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, negou, precisamente, que haxa pacientes "nos corredores". Están, matizou, "en dispositivos en Urxencias controlados por sanitarios".

Desde O'Mega aseguran que a situación é "aberrante" e que non é nova: "Debe ser a sexta denuncia que poñemos na Inspección de traballo e a todas se lles fixo un requirimento demandando que se deixen libres de obstáculos as vías de tránsito e de evacuación, como os corredores", comenta a doutora Nercellas a Nós Diario.

Preguntado por esta cuestión antes de participar dun acto en Santiago, o conselleiro insistiu na xestión "normal" que fai o CHUS das camas e quitou ferro ás críticas do sindicato: "Non se trata de pacientes nos corredores".

Neste contexto, García Comesaña salientou que o Hospital Clínico da capital galega, "en plena pandemia", foi sometido a unha "ampliación importante das camas de observación". "Non esperan nos corredores, senón en dispositivos en Urxencias controlados por sanitarios á espera de subir á planta máis adecuada", recalcou.

Sanidade non ve un "incremento xeral" de patoloxías

Esta segunda feira fontes do CHUS, en declaracións á axencia Europa Press, recoñecían que en días pasados "houbo un aumento das patoloxías respiratorias" e, por conseguinte, unha maior afluencia de pacientes e picos de incidencia elevada.

Con todo, García Comesaña desbotou esta terza feira que, "de modo xeral", estea a producirse esta repunta e que a situación está "mellor" que hai uns meses. "Non estamos a ter unhas cargas de gripe importantes, os datos da Covid mantéñense en datos razoábeis... Non estamos a notar esa sobrecarga", concluíu.