A sanidade en Monforte e na Mariña, na UCI

Por volta de 5 mil persoas saíron á rúa en Burela

As xentes da Mariña e da Ribeira Sacra téñeno claro. A masiva resposta da poboación destas comarcas á proposta de reforma da Lei da Saúde de Galiza que implica a centralización dos servizos sanitarios, só se explica pola progresiva perda de dotacións e especialidades médicas nunha e outra comarca. Máis de 5.000 persoas marcharon a quinta feira 5 de outubro polas rúas de Burela, coreando consignas como “non queremos nacer na Xesta”, “a derivación é unha sinrazón”  “non queremos depender de Lugo” ou “Feijóo escoita, A Mariña está en loita”, para defender o mantemento da área sanitaria da Maríña. Outro tanto acontecía o domingo 8 de outubro en Monforte de Lemos, onde miles de persoas esixían a continuidade da área sanitaria, maiores dotacións orzamentarias nos centros sanitarios da zona e servizos que eviten que os doentes se teñan que desprazar a Lugo de xeito recorrente. Porén, as dúas grandes mobilizacións, lonxe de ser un punto de chegada, semellaba o arranque e a continuidade dunha loita que volveu a congregar o mércores 11 a centos de persoas diante dos hospitais e dos centros de saúde das dúas comarcas.

 

Máis de 5.000 persoas marcharon a quinta feira 5 de outubro polas rúas de Burela

 

A supresión das áreas sanitarias da Mariña e de Monforte de Lemos resulta claramente prexudiciais para o conxunto da poboación da provincia de Lugo e de xeito moi particular para as perto de 80.000 persoas adscritas á área sanitaria da Mariña e as máis de 50.000 que fan parte da de Monforte. A dependencia orgánica do Hospital de Lugo dos centros de Burela e Monforte implica a centralización dos servizos hospitalarios na capital da provincia e a conseguinte perda de servizos e especialidades en Burela e Monforte, así como desprazamentos constantes da poboación da Mariña e da Ribeira Sacra, nalgúns casos a máis de hora e media de viaxe, a Lugo para realizar probas e consultas que até agora realizaban nas súas comarcas. O novo modelo provocaría tamén graves efectos para os residentes da área sanitaria de Lugo, xa que ocasionaría unha masificación no seu hospital de referencia, aspecto ese que beneficiará sen dúbida algunha os centros privados de Lugo ao aumentar o número de usuarios derivados da pública.

 

Os grandes beneficiados da reforma sanitaria impulsada polo PP son os hospitais privados da cidade de Lugo. A conta de resultados dalgúns destes centros, como o Polusa ou a Nosa Señora dos Ollos Grandes, que curiosamente acometeu recentemente unha importante reforma das instalacións, non paran de medrar a medida que se reduce a carteira de servizos dos hospitais de Burela ou de Monforte. Así, nos últimos tempos comezouse a derivar a Lugo desde Burela a implantación de marcapasos e inclusive o cambio de pilas dos mesmos, os partos de prematuros ou os múltiples, malia contar o Hospital da Costa con unidade de prematuros, a maioría das operacións de cataratas, hernias ou fimose, e as cirurxías programadas de traumatoloxía. Ao tempo, outro  servizo tamén privatizado, como o de citas previas, advirte aos doentes que no caso de non acudir ás citas na privada as súas intervencións ou consultas serán retrasadas, sendo situados ao final das listas de agarda. 

 

A conta de resultados dos hospitais privados da cidade de Lugo, como o Polusa ou a Nosa Señora dos Ollos Grandes, non paran de medrar a medida que se reduce a carteira de servizos dos hospitais de Burela ou de Monforte

 

O novo modelo sanitario promovido pola Xunta de Galiza avanza na axenda recentralizadora e neoliberal do PP. A centralización de servizos nas capitais provinciais implica o reforzamento destes entes, en tanto unidades político administrativas  sobre as que se conforma a actual estrutura unitaria do Estado Español e que emparenta con outras posicións dos populares en debates recentes, como a negativa a eliminar as deputacións provinciais. Asemade, o deseño é coherente coa aposta a favor da sanidade privada do goberno de Feixoo que, após reducir en 18 por cento o investimento sanitario, entregou a mans privadas, entre outros servizos, o control da tecnoloxía hospitalaria, a investigación, a historia clínica, o teléfono de cita previa, a loxística, o mantemento dos equipos sanitarios, a xestión da limpeza e enerxía, o catering, a protección radiolóxica, a esterilización do instrumental, ou os centros de saúde móbiles. As próximas semanas habemos coñecer novas accións de resposta en defensa da sanidade pública, está por ver se o Partido Popular mantén a súa folla de rota ou aproba algunha mudanza no sentido das demandas cidadás.