Saúde

Volve a máscara: o Ministerio chama a "levala sempre enriba" e usala en aglomeracións, centros sanitarios e residencias

máscara farmacia (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
"Apelamos ao sentido común ese mesmo espírito resiliente demostrado durante a pandemia", di a ministra Mónica García. No País Valencià xa volve ser obrigatoria a máscara nos hospitais.

A ministra de Sanidade, Mónica García, recomendou esta sexta feira "levar sempre a man unha máscara nestas datas", sobre todo en situacións de aglomeracións en interiores e, "moi especialmente", nos hospitais, centros de saúde e residencias de maiores, ante a repunta de casos de infeccións por virus respiratorios.

"En resumo, apelamos ao sentido común ese mesmo espírito resiliente demostrado durante a pandemia", recalcou. Así se pronunciou García en declaracións aos medios, nas que lembrou que, previsibelmente, este aumento na incidencia "seguirá intensificándose nos próximos días", aínda que lembrou que as hospitalizacións, "a pesar dun leve aumento, mantéñense nun nivel relativamente baixo".

Neste punto, a ministra mencionou a convocatoria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), que se convocará "con carácter inmediato" a vindeira segunda feira e que ten como obxectivo "avaliar, unificar criterios e tomar accións coordinadas de saúde pública ante estes picos epidémicos".

Con todo, lembrou que "cada comunidade posúe a competencia e a responsabilidade de implementar medidas adecuadas ás súas circunstancias particulares". Segundo García, "elas son as que están en primeira liña e son as que coñecen mellor as súas necesidades". Precisamente, na mañá de hoxe, o País Valencià anunciou a obrigatoriedade das máscaras nos centros sanitarios e sociosanitarios.

"O papel do Ministerio vai ser sempre brindar o máximo apoio e coordinar todo o que estea na nosa man respectando o exercicio das súas competencias", reiterou García, para anunciar o seu compromiso con "buscar e deseñar, desde xa de maneira conxunta, plans de acción para o inverno que vén", coa finalidade de axudar ás comunidades autónomas a minimizar esta situación "e non normalizar os colapsos do sistema nun futuro".