Sanidade mantén a vixilancia ante posíbeis novos casos de estreptococo A tras a morte de dúas crianzas en Madrid

A mobilización das familias busca garantir a atención pediátrica especializada. (Crianzas)
A alerta procede do Reino Unido e polo momento vai dirixida a autoridade e profesionais da Sanidade, non á poboación xeral.

O Ministerio de Sanidade asegurou que se atopa nunha "vixilancia activa" ante posíbeis novos casos de enfermidade invasiva por estreptococo A, tras a morte de dous menores e a hospitalizacións doutros 14 por esta causa na Comunidade de Madrid.

O pasado 2 de decembro notificouse por parte do Reino Unido aumento de infeccións por Streptococcus Pyogenes en menores, aínda que en España, lembrou o departamento que dirixe Carolina Darias, esta patoloxía non é de declaración obrigatoria.

Con todo, o Ministerio de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, está en contacto coas comunidades e cidades autónomas para solicitar información dos posíbeis casos detectados nas últimas semanas e poder facer unha análise da situación.

"A poboación non debe alarmarse"

Esta mesma semana, o Xefe de Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón-Torres, aclaraba en redes sociais o sentido desta alerta, que en principio vai dirixida a "autoridades e profesionais sanitarios, non á poboación xeral, que non debe alarmarse, de momento".

O especialista explica e xustifica a alerta lanzada polo Reino Unido, debido a "incrementos de casos graves con falecementos en comparación co número de casos noutras temporadas previas".

Con todo, aclara, "non indican que se trate dunha cepa en particular diferente nin se baralla outra explicación que un incremento proporcional ao notábel aumento de casos de infeccións virais en comparación con outros anos".

Co incremento de casos, advirte, "é normal que se incrementen tamén as complicacións asociadas a estas infeccións virais”.

Unha das máis frecuentes, apunta, son as infeccións bacterianas secundarias, e entre elas, "o streptococcus pyogenes ou GAS. Esta é unha bacteria coñecida, a causa máis frecuente de faringoamigalite aguda bacteriana nos nenos".

A situación na Galiza

A Consellería de Sanidade non detectou na Galicia ningún caso de falecemento relacionado coa enfermidade producida polo estreptococo A en menores.

Segundo explicou desde Bruxelas, a preguntas dos medios, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, antes de participar nunha sesión do Consello de Ministros da UE "a situación é de normalidade" neste tipo de bacterias, que son "moi habituais".

"O estreptococo A sempre o houbo", dixo o responsábel da sanidade galega, "outra cousa diferente é que a gravidade da enfermidade que produce sexa alarmante".

García Comesaña destacou que a sanidade galega, tanto en Atención Primaria como en hospitalaria, ten "as ferramentas suficientes para detectar" esta bacteria, polo que "se houbese algunha situación complexa", faríase un seguimento e poñeríanse en marcha as ferramentas necesarias.

Contaxio

A enfermidade invasiva por estreptococo A é unha das formas máis graves producidas por esta bacteria, patóxeno que con frecuencia produce unha gran variedade de procesos infecciosos, desde a farinxite, a amigdalite, a escarlatina, e mesmo infeccións invasivas e graves como a fascitis necrotizante ou o shock séptico.

A enfermidade disemínase por gotas respiratorias, en contacto coas mucosas oral ou nasal con secrecións respiratorias infecciosas ou con exsudados de lesións cutáneas. A infección é transmisíbel até 24 horas despois de completar o tratamento antibiótico.