Sanidade levou esta segunda feira ao TSXG o decreto coas medidas tras a fin do estado de alarma

Imaxe dun control de mobilidade na Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Aínda que o conselleiro de Sanidde, García Comesaña, salienta que a relación co TSXG no relativo á Covid-19 "foi en todo momento excelente", afirmou que "os xuíces non están para isto",

A Consellería de  Sanidade levará esta segunda feira ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) as medidas propostas para conter a pandemia tras o fin do estado de alarma, que manteñen os pechamentos perimetrais e o toque de recoller naqueles concellos con máis de 500 casos por 100.000 habitantes, así como restricións a reunións, capacidades e horarios no resto da Galiza.

Así o dixo o conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña, durante a súa participación no Almorzo Socio-Sanitario organizado por Europa  Press, onde admitiu que o Goberno galego acolleu a fin do estado de alarma con "moita incerteza" e "sen as ferramentas xurídicas" que considera "necesarias". "Desde Galiza insistimos na necesidade destas ferramentas", resolveu.

En relación a esta cuestión, lembrou que a Xunta "desenvolveu a súa lexislación propia", a reforma da Lei de Saúde, que, desde o seu punto de vista, é "totalmente respectuosa coas leis orgánicas" do Estado.

Tras a súa aprobación, e "sen resposta anticipada" por parte do Executivo estatal, criticou García  Comesaña, recibiuse "un recurso de inconstitucionalidade" por parte do Goberno español, que "veu acompañado cunha suspensión provisional" dalgunhas das súas medidas.

"Agora mesmo estamos con ese desamparo de non ter unha lei a nivel de Estado e non poder utilizar nosa propia lei", dixo o conselleiro de  Sanidade.

Aínda que García  Comesaña destacou que a relación co TSXG no relativo á Covid-19 "foi en todo momento excelente", afirmou que "os xuíces non están para isto", se non que deben existir "outras ferramentas para xestionar a pandemia".

Polo momento, confirmou que o Goberno galego levará hoxe, 10 de maio, até o TSXG o decreto para que se pronuncie sobre a súa idoneidade. "Se o aval do comité clínico non fose abondo, o seguinte paso é a  xudicialización ao cadrado, levalo a outro xuíz para ver se di algo diferente", apostilou.