Covid: Sanidade inclúe Vilanova de Arousa nos concellos con restricións

A decisión tomouse esta mesma mañá na xuntanza do Subcomité clínico de expertos sanitarios.

A Consellería de Sanidade vén de acordar a inclusión de Vilanova de Arousa no conxunto de concellos con medidas de restrición. Esta decisión adoptouse logo da reunión do Subcomité clínico de expertos sanitarios, á vista da situación epidemiolóxica da covid-19 na Galiza.

Esta medida publicaranse esta sexta feira no Diario Oficial de Galiza e entrará en vigor as 00:00 horas desta medianoite. Ademais, volverán revisarse en sete días.

Deste modo, Vilanova de Arousa pasa a formar parte do grupo de concellos con restricións constituído por Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín, Verín e Vilagarcía de Arousa, ademais de diversas rúas da Coruña e O Milladoiro (Ames).

Entres estas restricións destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.

Pola súa banda, algunhas zonas da cidade de Ourense segue con restricións especiais, como as de limitar as reunións privadas ata un máximo de 5 persoas e a prohibición de que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa.