Sanidade implanta restricións en Verín e enduréceas en catro rúas de Ourense

Dúas persoas pasean pola rúa (Imaxe: Europa Press).

A evolución epidemiolóxica da Covid-19 levou o grupo de expertos que asesora a Xunta a implantar medidas restritivas a respecto da capacidade de locais e de reunións no municipio de Verín, así como a endurecer as xa vixentes na cidade de Ourense en catro rúas.

Segundo informou onte a Consellaría de Sanidade, o subcomité clínico determinou ampliar as restricións específicas en catro rúas da cidade de Ourense: Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e Avenida de Portugal. Nelas, como xa pasou anteriormente co barrio da Milagrosa de Lugo e co municipio de Arteixo, non poderá haber reunións de máis de cinco persoas e nin bares nin cafetarías poderán servir no interior dos estabelecementos. Nas terrazas, con capacidade limitada da mesma maneira que no resto de áreas con medidas especiais, non poderá haber grupos de máis de cinco persoas, como tampouco nos restaurantes, aos que lles está permitido servir dentro do local.

Ademais, adoptouse a decisión de incluír Verín no grupo de concellos con restricións vixentes, esta vez de forma xeneralista.

Entre as medidas que afectan a estes concellos destacan a limitación dos aforamentos ao 50% nos estabelecementos comerciais, de restauración e de hostalaría, onde está prohibido o consumo en barra. As reunións limítanse a 10 persoas e márcase unha redución das capacidades en celebracións, velorios e lugares de culto.

A área sanitaria de Ourense contaba onte con 511 casos activou e detectou nas últimas 24 horas 37 positivos. Na última semana, as autoridades sanitarias detectaron até nove brotes diferentes de coronavirus no concello da capital e en Verín o seu hospital comarcal rexistra 11 ingresos de pacientes Covid, a cifra máis alta desde o mes de abril.

Levanta as medidas no Baixo Miño e en Arteixo

Por outra banda, o subcomité decidiu levantar as restricións nos municipios da Guarda e O Rosal -implantadas hai unha semana- e en Arteixo, onde estaban vixentes desde o pasado 8 de agosto.

Finalmente, as persoas expertas aconsellan manter as medidas vixentes nos municipios de Compostela, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e varios barrios do concello da Coruña. Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a medianoite.