Manuel Martín García

"A Sanidade galega enfróntase a unha situación crítica"

No Venhan Máis Cinco de hoxe conversamos con Manuel Martín García, portavoz de SOS Sanidade Pública.

-Como avalías o estado actual da sanidade galega?

 

-A Sanidade Pública Galega enfronta unha situación critica. Por unha banda sufriu severos recortes de gasto sanitario (21 por cneto do orzamento respecto do ano 2009), que afectou de xeito especial á Atención Primaria (22 por cento fronte a un crecemento do 0,2 por cneto en hospitais), o que levou unha espectacular redución das plantillas do sistema de 1.795 prazas (1.154 en atención primaria e 641 nos hospitais das que 513 corresponden a persoal médico). Como no sector saúde é imposible substituír persoal por maquinas, a calidade da asistencia experimentou un severo descenso.


Doutra banda, a Xunta de Galicia apostou polo desmantelamento e as externalizacións de servizos que están sendo cedidos a empresas multinacionais, bancos e fondos de investimento como o Novo Hospital de Vigo Álvaro Cunqueiro, renovación do Concerto Singular con hospital privado POVISA de Vigo; Servizo de ambulancias; Historia Clínica Electrónica, Telecomunicacións; Plataforma Electrónica; Teléfono de cita previa; Subministros e Loxística; Mantemento dos Equipos sanitarios; Limpeza e Enerxía; Catering dos Hospitais; Protección Radiolóxica; Contratacións Públicas do Sergas; Laboratorio central de Galicia; Institutos Biomédicos de Investigación hospitalaria; Docencia e Formación do persoal, etc.


Entre os principais problemas que afectan a sanidade Pública Galega cabería destacar a privatización dos servizos dado que a procura de beneficios económicos do sector privado esta deteriorando a calidade da atención (como se observa na dramática situación da atención no Hospital Álvaro Cunqueiro o Vigo); a redución de recursos que está disparando as listas de espera; e a descapitalización da Atención Primaria que condiciona a estratexia de promoción e prevención de saúde e a racionalidade do sistema.

 


-Que evolución agardas da sanidade galega a cinco anos vista?

 

-Esta política de desmantelamento e privatización está transferindo centos de miles de miles de euros anuais a empresas privadas (os sobrecustos poden superar en sete o custo real) e descapitalizando os mermados fondos da Sanidade Pública. Sei a isto lle asociamos o incremento do gasto farmacéuticos (Galicia é a Comunidade Autónoma con maior gasto en medicamentos por habitante ao ano), especialmente o hospitalario que creceu 26% no último ano (é de esperar que se dispare aínda máis cos novos medicamentos biolóxicos para tratar o cancro e outras enfermidades crónico dexenerativas), a sostibilidade económica do Sistema esta en risco a curto-medio prazo.

 

Se non hai un cambio na orientación da política sanitaria estamos abocados ao colapso do sistema coa perda do dereito universal á asistencia sanitaria que será inaccesible para os sectores sociais con poucos recursos que empezan a ser maioritarios, o incremento das desigualdades de saúde e a perdida de racionalidade dun sistema que gozaba dun gran prestixio internacional.
 


-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

 -O único xeito de facer fronte a esta ofensiva dos poderosos grupos de presión económica, que viron na sanidade unha importante oportunidade de negocio (máis do 30% do gasto público de Galicia), é levantar unha gran alianza social e profesional dados os grandes prexuízos que están supoñendo para un dereito fundamental como é a saúde. A maioría da poboación tería grandes problemas para acceder á atención sanitaria mentres que os traballadores estean sufrindo un graves deterioro nas súas condicións laborais con perdidas salariais por encima do 20% e co crecemento da inestabilidade e a contratación lixo con contratos por días e ata horas.