A sanidade galega acusa os recortes e perde cinco puntos en calidade e satisfacción

Os servizos sanitarios que tiñan en 2013 a cualificación de “regulares” nun estudo de asociacións para a defensa da sanidade pública  baixxaron a “deficientes”.

O clamor de profesionais e usuarios contra o deterioro e precarización da sanidade galega após estes anos de recortes está abalado non só pola propia realidade e experiencia diaria de ambos os dous colectivos senón tamén por estudios e informes que certifican esa perda de calidade asistencial. Un deses documentos é o que periodicamente elabora a  Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (Fadsp). Un informe no que radiografía e toma o pulso aos servizos sanitarios dos diferentes territorios no Estado español en base a datos concretos, como o gasto sanitario per cápita, número de camas por habitante ou duración de listas de agarda.

 

Galiza baixa no último informe, correspondente ao 2018, tres postos no taboleiro que fai a Fadsp en base á combinación de todos estes criterios. A sanidade galega estaba de oitava en 2017 e agora está de décimo primeira. No informe de 2013 era o sexto territorio en calidade de servizos sanitarios. Abandona o grupo de “servizos sanitarios regulares” para pasar a facer parte dos “servizos sanitarios deficientes”.

 

As comunidades con mellor puntuación, e que lideran o grupo das que teñen mellores servizos sanitarios, son Euskadi e Nafarroa, con 94 e 83 puntos respectivamente. Galiza ten 71 puntos (5 menos que o ano pasado), a 23 do territorio mellor valorado.

 

Na radiografía indican que o orzamento sanitario por habitante é en Galiza de 1.380 euros. Cantidade inferior aos perto de 1.350 de media no Estado español.

 

Desde 2009 os servizos sanitarios públicos sofren unha “agresión continuada” cun proceso de recortes moi graves. “Entre 15.000 e 21.000 millóns de euros menos de orzamentos anuais”, informan estas asociacións de defensa da sanidade pública. Á hora de valorara a satisfacción da cidadanía dos diferentes territorios coa súa sanidade pública,  a galega dá 6,6 (nunha escala de 0 a 10).