Sanidade financiará a reprodución asistida ás persoas trans que poidan xestar

Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)

O Ministerio de Sanidade aprobou esta sexta feira unha orde para que o Sistema Nacional de Saúde sufrague a xestación asistida a todas as mulleres, independentemente da súa orientación sexual e do seu estado civil, así como ás persoas trans con capacidade xestante, é dicir homes que naceron oficialmente mulleres e cambiaron de sexo rexistral.

Esta última é a maior ampliación que se produce tras a orde que asinou a ministra Carolina Darias, xa que a maioría das comunidades autónomas xa incluían na súa carteira de servizos os tratamentos de fertilidade a lesbianas, bisexuais e mulleres solteiras.

A orde reverte outra aprobada pola ministra Ana Mato en 2014 que excluía destes tratamentos todas as mulleres sen parella heterosexual.

Presentar problemas de fertilidade tras “12 meses de relacións sexuais con coito vaxinal sen emprego de métodos anticonceptivos” era un requisito imprescindíbel para acceder a este servizo público.

Só Murcia e Asturias non o estaban sufragando o 6 de xullo 2018, cando un dos primeiros Consellos de Ministros de Pedro Sánchez puxo en marcha o procedemento para a normativa que se aproba agora.

As comunidades están obrigadas a prestar o servizo

A orde fai que non sexa discrecionalidade das comunidades prestar ou non o servizo: todas as cidadás que cumpran os requisitos poden esixir agora este dereito. “Hoxe é un día de restitución de dereitos que nunca debían de suprimirse”, afirmou Darias tras asinar a orde arroupada por activistas do colectivo LGTBI.

A orde chega con dous anos e medio de atraso. A idea inicial era que no primeiro trimestre de 2019 entrase en vigor unha norma que agora desenvolve a medida incluída no anteproxecto da lei trans aprobado polo Goberno en xuño.

Por primeira vez, de forma explícita, recolle entre as beneficiarias destas técnicas as “persoas trans con capacidade de xestar”.