Sanidade estuda ampliar a 14 días as restricións

Persoas con máscara pola rúa (Foto: M.Dylan Europa Press)

Apela a "contornas burbulla" para frear os contaxios.

A Consellería de Sanidade estuda ampliar a 14 días a duración das restricións acordadas no seo do comité clínico e apela a "contornas burbulla" para frear os contaxios de Covid-19 na Galiza.

Así o explicou en rolda de prensa para concentrar as medidas acordadas na tarde-noite de onte o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen lembrou que até a data teñen unha vixencia de sete días segundo se publica no Diario Oficial da Galiza (DOG). Con todo, destacou que traballan para que "sexan por 14 días".

Julio García Comesaña apuntou que o reforzamento das medidas obedece á necesidade de frear a expansión do virus, tras constatarse nos últimos días un aumento no número de casos positivos vencellados, sobre todo, a ámbitos familiares e de confianza.

Así, explicou que este é un dos principais motivos que levou ao Comité clínico a limitar a 5, o número de persoas nunha reunión para toda Galiza, unha conxuntura, que foi preciso reforzar no concello de Santiago e na localidade do Milladoiro (Ames), onde tan só se poderán reunir persoas conviventes.

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, debullou polo miúdo o conxunto de restricións que serán publicadas no día de hoxe no Diario Oficial de Galiza (DOG), que entrarán en vigor desde as 00:00 horas desta medianoite.

Nivel 3

Fuentes especificou que Santiago e Milladoiro pasan ao nivel 3 de restricións de aforos, coa limitación de reunións a persoas conviventes e o peche da actividade no interior de bares e cafeterías.

Así mesmo, apuntou que seguirán manténdose as medidas vixentes, desde o pasado 7 de outubro, nos concellos de Ourense e Barbadás; así como o novo establecemento de restricións de mobilidade entre os concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós, que tamén pasan ao nivel 3.

Entre as novidades incorporadas polo Comité clínico na xornada de onte, destaca tamén a decisión de manter o nivel 3 nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, onde ademais se establece a limitación de mobilidade perimetral, e onde se pechará toda actividade considerada non esencial.

Limitacións

Sobre este particular, nestes tres concellos ficará limitada a actividade de todos os establecementos vencellados a espectáculos públicos e actividades recreativas, incluídos no anexo do Decreto 124/2019, en que se insire o catalogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público.

Nomeadamente, pecharán cines, teatros, auditorios, establecementos de espectáculos deportivos, salas de bingo, salas de xogo, estadios deportivos, pavillóns, recintos deportivos, ximnasios, piscinas, salóns recreativos, parques multiocio, museos, bibliotecas, salas de conferencia, restaurantes, cafeterías, bares e centros de lecer infantil, entre outros.

Porén, a medida non afectará aos establecementos de actividade minorista que poderá permanecer abertos; nin aos locais de hostalería e restauración que desempeñen os seus servizos en centros hoteleiros ou en centros de traballo.