Sanidade dispensará nas escolas tests de saliva desde a segunda feira

Un traballador sanitario participa na realización dun cribado masivo (Foto: Eduardo Parra/Europa Press).
O conselleiro, Julio García Comesaña, sae ao paso das críticas do persoal sanitario pola contratación de profesionais xubilados e afirma que o fixo "porque non os había nas listas de contratación".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou esta sexta feira que a Xunta da Galiza comezará a vindeira segunda feira, 17 de xaneiro, a repartir tests de saliva para detectar posíbeis casos da Covid-19 nos colexios do país.

"Estamos a traballar conxuntamente con Educación para que a partir da segunda feira os centros educativos xa poidan ter á súa disposición este test", indicou en declaracións aos medios, nun acto decorrido en Vilagarcía de Arousa.

O titular de Sanidade lembrou que tanto no momento no que os nenos comezaron as vacacións de Nadal, o 22 de decembro, como á súa volta ás aulas, a Xunta xa proporcionou de forma gratuíta tests de saliva a través das farmacias. "Agora faremos algo similar volvendo apostar polas probas nun ámbito tan crítico como a educación", sinalou Comesaña.

A respecto desta cuestión, porén, cómpre lembrar que a Federación de Anpas de Centros de Ensino Público de Lugo (Fapacel) denunciou esta mesma semana a "escaseza" destas probas en boa parte das farmacias lucenses, debido á baixa oferta en relación á elevada demanda.

Contratación de persoal xubilado

Por outra parte, García Comesaña saíu ao paso das críticas de profesionais sanitarios pola contratación de médicos e enfermeiras retirados ao asegurar que "se optou por contratar xubilados ante a imposibilidade nalgúns casos de contar con persoal nas listas de contratación".

Así, o conselleiro explicou que na Galiza se incorporaron 86 médicos de Atención Primaria que estaban xubilados "porque non os había nas listas de contratación". No caso de enfermaría indicou que só unha área sanitaria solicitou enfermeiras xubiladas. "E só as utilizaremos alí onde non xere colisión coas contratacións habituais", sostivo.

Aliás, asegurou que "nada está máis lonxe" da súa "intención" que "prexudicar" ás persoas que agora mesmo están a traballar en contratos doutro tipo. "Tiramos das listas de contratación todo o que podemos", manifestou García Comesaña, quen puxo como evidencia diso o feito de que "no Sergas hai hoxe 3.000 traballadores máis" que cando empezou a pandemia. "E todos foron contratos de persoas que estaban en listas", concluíu.