Saúde

Ascenden a dez os casos de lexionela, con sete persoas ingresadas: que é e que debo saber?

Mostra microscópica da bacteria Lexionela. (Foto: Nós Diario)
Saúde Pública constituíu un equipo de investigación epidemiolóxico e ambiental do gromo da Guarda e O Rosal, tomando mostras de auga da traída das zonas onde residen as persoas afectadas, así como do domicilio de cinco delas, resultando as probas negativas.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade vén de confirmar un caso máis do gromo de lexionela detectado nos concellos da Guarda e O Rosal, na comarca do Baixo Miño, polo que ascenden a dez as persoas afectadas, das que sete permanecen ingresadas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Sobre este novo caso confirmado, a Xunta precisa que non se trataría dun caso novo, pois os síntomas apareceron "hai polo menos unha semana".

Conforme aos protocolos de Saúde Pública, o departamento sanitario galego constituíu un equipo de investigación epidemiolóxico e ambiental do gromo, tomando mostras de auga da traída das zonas onde residen as persoas afectadas, así como do domicilio de cinco delas, resultando as probas negativas.

Aliás, técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública encabezados pola directora xeral, Carmen Durán, mantiveron unha reunión de traballo con representantes de saúde pública do Goberno de Portugal para intercambiar información sobre os casos de lexionela galegos e os detectados no norte do país veciño, concretamente na localidade de Caminha, lindeira coa Guarda.

Polo de agora, Sanidade indica que non se pode concluír cal é a fonte de exposición, lembrando que o contaxio acostuma producirse por aerosois. Destacou tamén que a Consellería mantén informados os rexedores de ambos municipios da situación e dos resultados das medidas tomadas. Mentres, a investigación ambiental segue en curso e analízase a curva epidemiolóxica, que permitirá definir se o gromo se pode dar por finalizado.

Que é... e que facer?

A lexionelose é unha doenza pulmonar producida pola bacteria Lexionela (Legionella), no caso de respirar aerosois —pingas moi pequenas de auga con aire— que aparecen sobre todo nas duchas. A temperatura da auga na que crece a Lexionela é de entre 20 e 45ºC; a máis favorábel son 37ºC.

A bacteria está presente de forma natural nas augas de ríos, lagos, encoros, pozos, depósitos ou mananciais, desde onde pode chegar á auga das nosas casas. Non se transmite, porén, de persoa a persoa sa ou enferma, por beber auga, por inxerir alimentos nin por animais.

Co obxectivo de evitar contraer esta enfermidade, a Consellaría de Sanidade galega recomenda seguir os seguintes pasos.