Sanidade destina 228 mil euros a unha empresa privada para formar profesionais do Sergas

[Imaxe CIG]

A CIG denuncia que esta contratación veña substitutír o traballo desenvolvido até o de agora por unha fundación pública.

 

Se debullamos polo miúdo os orzamentos deseñados pola Xunta de Galiza para 2015 fican en evidencia algunhas das iniciativas que propón o goberno galego para o vindeiro ano. Neste senso, a Consellaría de Sanidade prevé contratar no vindeiro exercicio os servizos dunha empresa privada para formar @s profesionais do Sergas. Faráo, aliás, pagando 228.600 euros por uns servizos que até o de agora viñan sendo prestados pola Fundación Pública de Formación Sanitaria (Fegas). 

O dado foi denunciado pola CIG-Saúde através dun comunicado de imprensa no que advirte do trasvaso de fondos públicos "sen xustificación algunha" que estaría a facilitar Rocío Mosquera cara á empresa privada. Asemade, a secretaria nacional da área de saúde da central sindical nacionalista, María Xosé Abuín, lembrou que a Consellaría anunciara a creación da Axencia Galega de Formación e Innovación Sanitaria.

Privatización

No seu momento, sinalou Abuín, "entendiamos que era para mellorar o servizo público e a formación das e dos profesionais, e non só para incrementar o número de directivos designados a dedo". Porén, após coñecer a previsión de gastar máis de 228 mil euros na contratación dunha empresa privada para a formación de profesionais entenden que "ao final, semella que non vai ser así porque prima o interese por seguir privatizando". 

Desde a CIG-Saúde lembraron que desde 2009 foron reducíndose "os orzamentos destinados a formación" de maneira progresiva cada ano, polo que alertan dunha posíbel vontade privatizadora por parte do goberno galego.