Sanidade descarta levantar restricións na Galiza, que poderían estenderse a Sanxenxo, A Rúa e Chantada

Julio García Comesaña nunha rolda de prensa. (Foto: Xunta)
Julio García Comesaña sinala que a ocupación das UCI por Covid-19 se atopa nun 43% en relación ao pico máximo rexistrado en primavera, mentres as camas convencionais están pola metade dese mesmo referente. 

Levantar as restricións que atinxen, desde hai unha semana, a uns 60 concellos da Galiza non se atopa polo de agora dentro dos plans da Consellaría de Sanidade.

Con todo, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, considera que a evolución da pandemia na Galiza é "positiva", mais chama a un "optimismo prudente" polo incremento de pacientes nas unidades de coidados intensivos dun 40% nas últimas dúas semanas.

Con todo, o conselleiro aseguraba nunha entrevista hoxe para a Radio Galega que a presión hospitalaria na Galiza está aínda nun "43%" a respecto do pico máximo de ocupación rexistrado en primavera, mientres que as camas convencionais están arredor de 50%.

"A tendencia (á alza) detívose, pero non comezamos a descender da forma que nos gustaría", manifestou o titular de Sanidade. Descarta, polo momento, levantar as medidas restritivas que imperan en parte da xeografía galega, que se manterán, cando menos, até comezos de decembro, tal e como estaba pensado polo Comité Clínico. 

As devanditas restricións ampliábanse esta fin de semana á comarca de Bergantiños (agás A Laracha) e Ribadavia. Segundo García Comesaña, estase a observar con detalle a evolución epidemiolóxica da Rúa, Chantada e Sanxenxo. A segunda feira o comité decidirá se se implantan as restricións tamén nestes tres concellos.

Protocolos de desconfinamento

Doutra banda, García Comesaña comentou que o comité clínico traballa nun protocolo de desconfinamento para definir como e baixo que criterios se poderían levantar restricións, aínda coa confianza dun relaxamento no Nadal. 

"Se todas estas medidas axudan a resetear o sistema, poderemos afrontar un Nadal con algún tipo de restrición, pero desfrutando de encontros", continuou Comesaña.

Cribados en residencias

Por outra banda, o conselleiro anunciou que o comité clínico estuda a posibilidade de realizar cribados en residencias cada menos tempo.

Actualmente lévanse a cabo cada dúas semanas para detectar casos de Covid-19 entre persoal traballador e residentes.