Sanidade deixa de informar a diario sobre a evolución da Covid

Punto de vacinación en Vigo (Foto: Europa Press)
A Consellaría informou, ademais, que inicia a clausura dos centros de vacinación masiva. Só na  área de Pontevedra e O Salnés seguirán abertos até o día 21.

A Xunta da Galiza deixará de actualizar a diario os datos sobre a situación da pandemia da Covid segundo confirmou o Sergas este domingo, primeiro día no que non se actualizou a páxina web que achega os datos relativos ao coronavirus no territorio.

A partir de agora, Sanidade porá ao día as cifras da pandemia de de segunda feira a sábado. Deixará de comunicar os últimos datos domingos e festivos.

"Cando se fan dous anos de información diaria da pandemia provocada pola Covid-19, a Consellaría de Sanidade pasará a ofrecer os datos de segunda a sábado. É un paso máis da nova situación da pandemia na Galiza", informou.

En liña coa decisión adoptada polo Ministerio de Sanidade, que hai uns días anunciou que deixaba de publicar a diario os datos da Covid, tanto de incidencia como de vacinación, a Administración galega acorda facer o mesmo pero "máis amodo", precisa.

Desde Sanidade puntualizan que como "a maioría de datos" recollidos na web "están postos por días, vanse poder disgregar".

Adeus aos centros de vacinación masiva

Por outra parte, a Xunta inicia este domingo o feche progresivo dos grandes recintos de vacinación. Segundo detalla nun comunicado, desde esta segunda feira, 14 de marzo, a administración das vacinas contra a Covid realizaranse nos hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde de todas as áreas sanitarias salvo na de Pontevedra e O Salnés.

Nestes dous distritos, a vacinación continuará até o 21 de marzo no Edificio Administrativo da Xunta de Pontevedra e no Fexdega de Vilagarcía de Arousa.

Con todo, indican, non se retirará, polo momento, o mobiliario dos grandes recintos "ante a posibilidade de que o Ministerio de Sanidade dea luz verde a administrar unha terceira dose á poboación con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos".

En caso de se aprobar esta dose, sinalan, poderían habilitarse de novo os recintos de vacinación durante "o número de xornadas que fosen precisas".