A partir das 15 horas

Novos fechamentos perimetrais en concellos da comarca de Santiago, Ferrolterra, A Coruña, Pontevedra, Vigo e Lugo

Mozas e mozos con máscara nunha terraza (Imaxe: Europa Press).
A Consellaría de Sanidade informou na mañá da sexta feira das novas medidas de restricións, que supoñen novos fechamentos perimetrais, prohibición da mobilidade nos ámbitos urbanos e limitación das reunións a persoas só conviventes nas nas zonas máis afectadas. A Xunta pretende que que estas dúas medidas entren en vigor esta sexta feira ás 15 horas.

A Consellaría de Sanidade comunicou en rolda de prensa na mañá da sexta feira as novas medidas de restrición acordadas na última reunión do comité clínico que estuda a evolución da pandemia na Galiza.

A Xunta da Galiza xustifica na alta evolución da incidencia da Covid-19 e nos movementos que tradicionalmente se producen con motivo dos días de Defuntos e Santos a decisión de fechar de maneira perimetral os concellos de Ferrol, Neda, Fene e Narón (comarca de Ferrolterra); A Coruña e Arteixo (comarca da Coruña); Compostela, Teo e Ames (comarca de Santiago); Pontevedra, Marín e Poio (comarca de Pontevedra); as cidades de Vigo e Lugo e Vimianzo (Terra de Soneira).

Súmanse así aos concellos sobre os que xa pesaba a restrición de mobilidade a nivel perimetral: Ourense e Barbadás (comarca de Ourense), O Carballiño, O Irixo e Boborás (comarca do Carballiño) e Verín, Oímbra e Vilardevós (comarca de Verín).

Alén de decretar o fechamento perimetral destas zonas, a Consellaría de Sanidade estende a reunión de persoas non conviventes que xa afectaba os citados concellos da área sanitaria de Ourense e mais a Compostela e O Milladoiro (Ames) a todos os municipios citados.

Ademais, Teo, Ames, Ferrol, Narón, Fene e Neda terán nivel de restrición 3, o mesmo que os citados concellos da área ourensá e Compostela e O Milladoiro, que implica, entre outras medidas, a prohibición de servir no interior de bares e cafetarías e que reduce as mesas das terrazas ao 50%. Tamén supón limitar a capacidade doutros estabelecementos.

O resto de concellos afectados polo fechamento perimetral e pola limitación das reunións a non conviventes continuarán no nivel de restrición 2, o que mantén, en xeral, o conxunto da Galiza.

En resposta ás preguntas dos medios, a Consellaría de Sanidade sinalou que as medidas comezarán a aplicarse a partir das 15 horas de hoxe, sexta feira. O estudantado e as persoas que se desprazan por motivos laborais, sanitarios ou de forza maior, como a asistencia e coidado de persoas dependentes e crianzas ou para a realización de exames ou a renovación de documentación oficial, poderán salvar a limitación de mobilidade para regresaren aos lugares onde están censadas.

A respecto do estudantado, o conselleiro de Sanidade explicou que o feche perimetral permite o regreso aos domicilios co DI correspondentes, mais expresou "espero que non o faga, sería unha mágoa". Lembrou que as medidas perseguen "limitar a mobilidade e salvar vidas" polo cal pediu aos estudantes que "non se despracen" e non poñan "en risco" a familia.

"Apelamos a que calquera aplique o sentido común", insistiu Comesaña.

Cando entran en vigor as medidas e até cando?

Tamén en resposta ás preguntas dos medios, Sanidade informou de que as medidas de limitación de entrada e saída de persoas nos concellos citados e mais a prohibición das reunións de non conviventes neses municipios entrarán en vigor hoxe mesmo, 30 de outubro, ás 15 horas, sempre e cando saian a tempo os decretos no Diario Oficial da Galiza (DOG).

O resto de limitacións (as que afectan estabelecementos hostaleiros e comerciais, a celebracións, funerais, ensino non regulado, etc.) entrarán en vigor, "se dá tempo", ás 00 horas do sábado. Se non, ás 00 horas do domingo.

As medidas revisaranse a próxima terza feira, día 3 de novembro.

Que significa un fechamento perimetral?

A Consellaría de Sanidade explicou en rolda de prensa que si están permitidos os desprazamentos entre os concellos limítrofes fechados de maneira perimetral, de maneira que as persoas que viven en Pontevedra, poderían moverse até Poio e Marín.

Foi o exemplo que deron os responsábeis de prensa na intervención pública.

É o mesmo o nivel de alerta que o nivel de restrición?

Non, un concello que hoxe a Xunta sitúa no nivel de alerta verde, o 0, tiña xa a pasada semana restricións do nivel 2, as que afectan a toda a Galiza. As mesmas que pode ter un concello no nivel de alerta vermella, o 4. Esta falta de correlación entre os niveis de alerta e os de restricións está a xerar confusión na poboación. Explicámolo nesta información.