Sanidade considera que hai “risco medio-alto” de contaxio en Pontevedra e Ponteceso

Equipo sanitario dunha ambulancia no hospital de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

As ordes publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) indican as novas restricións, endurecidas debido á preocupación existente en ambos concellos. As autoridades sanitarias tamén fan unha análise das áreas que estaban máis afectadas.

A Consellaría de Sanidade ve un “risco entre medio e alto” de contaxiarse de coronavirus nos municipios de Pontevedra e Ponteceso. Así o recollen as ordes que saen publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) a respecto das novas limitacións para evitar a expansión da enfermidade.

As novas normas para estas localidades implican que sexa obrigatorio o uso da máscara ao acudir aos ximnasios, agás no caso de instalacións cubertas nas que se empreguen “pistas específicas” para deportes como o tenis ou o pádel.

Tamén afectará aos polideportivos, sempre que non se supere a capacidade máxima permitira dentro dos protocolos sanitarios.

Para o caso particular de Pontevedra, onde a taxa de incidencia, quer a tres días quer a sete, “aumenta máis do dobre”. “Esta incidencia aumenta máis rápido a partir do 30 de agosto”, di a orde. Por iso as reunións redúcense a un máximo de dez persoas.

No caso da comarca de Bergantiños, onde tres concellos --Carballo, A Laracha e Ponteceso—teñen tamén prohibicións, a análise da situación epidemiolóxica detecta "unha diminución da incidencia", pero "seguen aparecendo casos e a incidencia a 14 días é elevada".

Dado o contexto, a veciñanza de Ponteceso terá que cumprir as mesmas medidas que nos outros concellos. As autoridades sanitarias conclúen que o brote na comarca "segue presentando indicadores de risco alto e de risco medio".

A situación na Coruña

Na área da Coruña, a taxa a tres días reduciuse ata "chegar practicamente a igualarse coa taxa global da comarca", pero o "feito fundamental" é que a distribución "non é uniforme" e compróbase "a agrupación de casos en determinadas zonas da cidade".

Por iso, a partir desta quinta feira as limitacións cínguense ao  perímetro delimitado pola intersección das seguintes rúas (ambos os lados incluídos): Rolda de Outeiro, rúa Manuel Murguía, paseo de Ronda, rúa Gregorio Hernández, Ronda de Nelle, rúa Fernando Rey, avenida de Alfonso Molina, ronda de Outeiro (tramo da estación de ferrocarril), avenida de Salgado Torres, avenida de Cádiz, avenida  do Ferrocarril, avenida de Arteixo, Polígono de  Vioño, rúa Pasteur, avenida de Fisterra, rúa Alcalde Jaime Hervada, Ágora, Travesía Antonio Pedreira Ríos e Rolda de Outeiro (tramo desde Manuel Deschamps a Manuel Murguía).

En canto a Arteixo, onde se aplican as medidas que restrinxen a unha decea de  persoas non convivintes as reunións, entre outros aspectos, as taxas "permanecen altas", pero "reducíronse ao longo do tempo".

Comarca de Compostela

No caso de Santiago, onde se prolongan as medidas que estaban vixentes, os informes consideran que a incidencia está "estabilizada con algunha oscilación". A porcentaxe de positividade das  PCR "mantense elevada" e os grupos de idade máis afectados están entre os 15 e os 24 anos, polo que se sospeita que pode haber "un número importante de  asintomáticos" que "facilitarían a transmisión".

Segundo a orde que se pode consultar polo miúdo no DOG, máis do 70% dos casos da comarca concéntranse en Compostela. "O número de casos parece que está a baixar, pero é necesario continuar coa vixilancia respecto diso da efectividade das medidas tomadas", remárcase.

Lugo, Ourense e Santa Comba

As persoas expertas destacan que o gromo de Lugo "parece evolucionar de forma favorable", aínda que "presenta aínda indicadores de alto risco" que recomendan manter as medidas restritivas.

"O feito de que os casos xa non estean concentrados no barrio da Milagrosa fai que non teñan xustificación as medidas máis restritivas que afectan a este barrio", engade, para xustificar que na zona pasen a aplicarse as mesmas medidas que no resto do concello.

Para o caso de Ourense, detectouse que a incidencia acumulada a tres e sete días "está estabilizada na última semana" e que o brote se concentra na cidade, con indicadores que seguen sendo "de alto risco e de medio risco.

Por último, en Santa Comba, onde se eliminan as restricións específicas que afectaban a este concello e pasan a aplicarse as xerais para toda Galicia, o informe das autoridades sanitarias constata a taxa a tres días "xa está por baixo da taxa xeral de Galicia", o que indica que "as medidas restritivas tiveron efecto" e "non habería inconveniente en levantalas".