Sanidade citará para un cribado 2.900 veciños de Rianxo de entre 55 e 75 anos

Casa consistorial de Rianxo [Foto: Luís Miguel Bugallo Sánchez]
Entre hoxe e mañá.

Profesionais do servizo de Medicina Preventiva da área sanitaria de Santiago-Barbanza realizarán entre hoxe e mañá un cribado poboacional de Covid-19 a 2.900 cidadáns de Rianxo (comarca do Barbanza), unha das áreas máis afectadas polo virus e sometida a feche perimetral.

En concreto, segundo informaron fontes da área sanitaria, serán citados a través de SMS 2.900 persoas de entre 55 e 75 anos con tarxeta sanitaria en Rianxo e deberán acudir á hora á que se lles indica ao Hospital  do Barbanza, onde lles tomarán a mostra.

A evolución epidemiolóxica de Rianxo nos últimos días motivou que o comité clínico decidise, na súa reunión desta segunda feira, elevar as restricións desde o nivel básico ao máximo, o que implica, entre outras cuestións, o feche perimetral da localidade e a limitación de reunións a catro persoas.

Isto débese en boa parte, segundo reflicte o DOG que fai oficiais as medidas, ao ascenso da incidencia acumulada a 14 días, que é a día de hoxe 1,5 veces superior á contabilizada hai unha semana, ata os 308,2 casos por 100.000 habitantes.