Comité clínico: nivel máximo e alto de restricións en 71 concellos

Mocidade nunha rúa de Sanxenxo após a reapertura do lecer nocturno. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press) #sanxenxo #lecernocturno #rúa #coronavirus #pandemia #mocidade #restricións #covid19
As infeccións activas da Covid-19 volven descender até 18.771, ao tempo que os novos positivos fican por baixo do milleiro. Tamén comeza aliviarse a presión sobre os hospitais. O Comité clínico acordou onte recomendar o nivel máximo e alto de restricións a un total de 71 concellos. Até agora eran 60.

O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia da Covid-19, acordou na súa xuntanza da noitiña de onte fixar o nivel máximo de restricións para os concellos de Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro, Monterroso, Meaño, O Grove e Sanxenxo.

Así mesmo, tamén determinou o nivel alto de restricións nos municipios de Cambados, Boiro, O Barco de Valdeorras, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Ames, Arteixo, Cambre, Cariño, Culleredo, Ferrol, Santiago de Compostela, Ortigueira, A Laracha, Betanzos, Sada, Padrón, Teo, Cee, Pontedeume, Lugo, Chantada, Monforte de Lemos, Ourense, Verín, Bueu, A Guarda, Meis, Moaña, Mos, Pontevedra, Ponte Caldelas, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Vigo, Melide, Carballo, Fisterra, Oleiros, Ribeira, Cervo, Ribadeo, Avión, Barbadás, O Carballiño, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Marín, Poio, Gondomar, Nigrán, O Rosal, Barro, Portas, Valga, Vilaboa, Salvaterra de Miño,  Tui, Xove e Palas de Rei.

Medio

Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos seguintes  concellos: Beariz, Boborás, Caldas de Reis, Maceda, Mondoñedo, Oroso, Pereiro de Aguiar, Pontecesures, Sarria, Silleda, Vilalba, Vilamartín de Valdeorras, Vimianzo, Bergondo, A Capela, Carnota, Cedeira, Corcubión, Coristanco, Curtis, Narón, Outes,  Rianxo, Celanova, Coles, Monterrei, Pobra de Trives, Riós, A Rúa, Arbo,  Cangas, A Lama, Ponteareas, As Neves, As Pontes, Arzúa, Tomiño, Ribadumia, Boqueixón, Laxe, Miño, Muxía, Oza-Cesuras, Neda, Touro, Tordoia, Cospeito, Outeiro de Rei, Xinzo de Limia, Catoira, Cuntis, Mondariz, Salceda de Caselas e Esgos.

Os restantes  concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo. 

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 7 de agosto.

Evolución

A Galiza comeza albiscar a fin da quinta vaga da Covid-19. De feito, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmou que a finais desta semana alcanzará o seu pico máximo. Mais, segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos até as 18 horas de onte, o país atópase aínda en valores moi elevados, cunha incidencia acumulada a 14 días de 665 casos por cada 100.000 habitantes e de 292 a sete días.

Malia remitiren levemente nos últimos días após un mes de escalada continua, as infeccións activas sitúanse en 18.771 (36 menos que na xornada anterior).

Contaxios

Aliás, os novos contaxios volven descender, cun total de 837 no último día (-102), ), ao tempo que a taxa de positividade das Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) experimenta unha lixeira baixada até 12%, aínda por riba do limiar de 5% recomendado para dar por controlada a transmisión vírica.