Sanidade alerta do "incremento importante" da incidencia entre a mocidade e "revisará" as medidas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, alerta do incremento da incidencia na mocidade (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Sanidade alerta dun "incremento importante" da incidencia acumulada da Covid-19 nas franxas de idade máis novas e adianta que, "probabelmente", o Comité Clínico da próxima semana teña que "revisar" as medidas tomadas para conter a pandemia.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, alertou do "incremento importante" da incidencia acumulada da Covid-19 unicamente entre as franxas de idade máis novas, un "escenario diferente" que lle permite avanzar que "probabelmente" o Comité Clínico da próxima terza feira teña que "revisar" as súas medidas.

Así o aseverou nunha rolda de prensa ofrecida este sábado, 3 de xullo, desde a sede da Consellaría en Santiago, na que vinculou a suba dos contaxios e dos casos activos nos últimos días ao 'macrosurto' con orixe nas viaxes de fin de curso a Mallorca, que deixa xa 183 positivos e máis de 400 contactos estreitos corentenados na Galiza.

En concreto, as incidencias acumuladas por 100.000 habitantes a 14 días elévanse especialmente nos grupos de idade máis baixos, cun valor de 219,9 entre persoas de 12 a 19 anos; de 188,3 de 20 a 29 anos; e de 106,06 positivos por 100.000 habitantes entre 30 a 39 anos. Mentres, entre os 40 e os 49 anos a taxa xa baixa a 73,1 e de 50 a 59 anos está en 31,78.

Neste contexto, García Comesaña dirixiuse á mocidade, tras pedirlles "desculpas por non poder vacinalos" ao non dispor de doses suficientes, para solicitarlles "un esforzo máis" por cumprir as medidas xa estabelecidas para conter o coronavirus, como manter a distancia, usar máscara, lavar frecuentemente as mans e evitar as aglomeracións. Con todo, lembrou que os botellóns están "prohibidos".

Seguimento por concellos

Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, aproveitou a comparecencia para debullar aqueles territorios que se atopan "en seguimento epidemiolóxico" porque teñen as incidencias máis altas.

Neste sentido, mencionou "toda a comarca de Pontevedra", onde a cidade do Lérez ten unha incidencia acumulada de 86 positivos por cada 100.000 habitantes a 14 días, e a cidade de Ourense, cunha taxa de 84 contaxios por 100.000 habitantes a 14 días.

O Sergas tamén ampliou a Vilagarcía de Arousa este seguimento especial, xa que a súa incidencia disparouse a 133 despois de que nos últimos días aparecesen 50 casos. Xunto a isto, a directora xeral de Saúde Pública lembrou a situación de Carnota e Sarria, os únicos municipios en nivel alto de restricións, o que obriga á súa vixilancia.

En calquera caso, Durán insistiu en que o Comité Clínico avaliará non soamente este dato, senón un total de 14 variábeis, para estabelecer as medidas que corresponda.

Unha situación “diferente”

Na mesma liña, o conselleiro apelou a "agardar” á reunión do Comité Clínico da semana que vén, porque aínda que a situación epidemiolóxica "empeora" con respecto a hai semanas, é "diferente" en función da idade debido ao avance da vacinación.

Ademais, a presión hospitalaria é "boa", segundo definiu García Comesaña, polo que considera que o que hai que facer é "adaptar" as restricións a esta realidade.

"Todas as medidas que fomos tomando no Comité Clínico desde o principio tiñan o fin último de preservar a capacidade asistencial dos nosos hospitais", agregou.