Alexo López, anestesiólogo: "Se a sanidade aguantou foi grazas a uns servizos públicos minimamente dotados"

López é anestesiólogo no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Desde a primeira liña da atención sanitaria na crise da COVID-19, o anestesiólogo Alexo López Álvarez, membro da directiva da Asociación Galega de Anestesioloxía, Reanimación e Dor, Agaryd, reivindica o papel da profesión nesta emerxencia e chama a defender unha sanidade pública de calidade e á altura das necesidades. 

En primeiro lugar, cal é o papel da anestesioloxía na atención sanitaria?
O noso campo de traballo habitual ten tres ámbitos: a anestesia en sentido estrito, que é o coidado de pacientes en período intraoperatorio, as unidades de dor e, en terceiro lugar, a reanimación, que son unidades de coidados intensivos dedicados a pacientes críticos cirúrxicos, o que inclúe transplantes, persoas con peritonites, patoloxías do corazón… En moitos hospitais, dependendo do desenvolvemento de cada servizo, a anestesioloxía leva tamén pacientes críticos médicos. En hospitais comarcais como o de Burela, por exemplo, a anestesioloxía ocúpase de todos os críticos. En resumo, somos responsábeis de unidades de coidados intensivos. Ás veces hai confusión, porque hai diversas nomenclaturas para referirse a elas: unidades de reanimación, UCI de anestesia, unidades de críticos… Mais, no fondo, son todas unidades de coidados intensivos. É importante sinalar isto porque ás veces parece que só existe un tipo de UCI.

Nesta emerxencia sanitaria, que casos atende esta área?
Pacientes en quirófano intraoperatorio, como sempre facemos, con COVID-19 ou sospeitas dela. Tamén atendemos moitos pacientes críticos en todos os hospitais galegos, sobre todo nas UCI de anestesia ou nas unidades de reanimación e en quirófano.

O presidente da Xunta ten sinalado que para aumentar o número de camas UCI transformáronse prazas de reanimación. 
O termo transformar non parece moi adecuado, porque xa son camas UCI a todos os efectos. Hai un real decreto de 2015 que di de forma explícita que, á parte dos servizos de coidados intensivos, hai outras unidades que teñen consideración oficial de coidados intensivos, como son as UCI pediátricas, as unidades de queimados e as de reanimación, como as nosas, que son de críticos cirúrxicos. Estas cama xa eran consideradas unidades de coidados intensivos antes desta crise. Non sabemos como fai as contas a Administración, pero ás veces informa de forma confusa.

En que situación está Galiza en canto a número de camas?
Aínda que non existe rexistro oficial, facendo unha conta aproximada, a metade das camas de coidados intensivos lévanas servizos de UCI médica e a outra metade, unhas 150, de anestesia. Falamos das camas dotadas para usos de coidados intensivos en calquera momento. Despois existe unha serie de camas, como as das unidades de recuperación postanestésica ou as de cirurxía ambulatoria, que teñen unha menor dotación pero que poderían ser reconvertidas. Aquí si parece adecuado empregar este termo.  Son postos que contan con tomas de osíxeno e monitores. O que lles falta, na maioría dos casos, son respiradores, que é o que escaseou nesta crise. Estas camas poderían potencialmente converterse en UCI se se dotan de certo material. Con elas pensamos que se poderían dobrar ou triplicar as existentes. 

De que números falamos?
En xeral, entre UCI médica e cirúrxica calculamos unhas 300 camas. Coas de recuperación postanestésica e as de cirurxía ambulatoria poderiamos chegar á cifra que se está a demandar para pasar de fase. Ademais, existen outros servizos nos hospitais que, ás veces, levan ao seu cargo unidades de coidados intensivo. Chegado o caso, poderíase contar con elas.

A sanidade galega foi quen de resistir esta emerxencia?
Parece evidente que aguantou, o que non quere dicir que non haxa que demandar un maior apoio á sanidade pública. Se por algo aguantamos, xa non só na Galiza, senón a nivel España, foi grazas a uns servizos públicos minimamente dotados, malia que nalgunhas zonas repercutiron os anos de recortes. Na Galiza, sumando que as estruturas até agora foron suficientes e que a incidencia foi claramente menor que noutros sitios, os recursos deron para coidar das persoas doentes e non houbo que negar tratamento a ninguén.  

Que lectura saca desta crise?
No que ten a ver con camas UCI, penso que se queremos usar de forma eficiente os recursos é necesario facer un reconto adecuado deles, porque ás veces, parece que de forma interesada se di que só hai unhas camas cando son máis. A xente pode entender facilmente que as camas UCI son un recurso moi caro que non se consegue triplicar dun día para outro. A conclusión clara é que esas camas xa existían previamente, só que se contaban de maneira distinta. 

Unha aposta pola Atención Primaria e a medicina preventiva

"Para o futuro sería oportuno potenciar áreas sanitarias que non son exclusivamente hospitalarias", sinala Alexo López cando se lle pregunta polas aprendizaxes que deixa no sistema sanitario esta emerxencia do coronavirus. "Aínda que se fala moito das UCI, estas son o servizo final onde acaba unha porcentaxe de pacientes. Pero hai moitos máis que precisan atención e que non van alí, senón ás consultas de Atención Primaria e aos servizos de Urxencias", apunta, para salientar o papel que teñen, "non só nesta crise, senon sempre".

"Na sanidade pública, ás veces hai tendencia a facer especial énfase na medicina máis tecnolóxica, a hospitalaria, pero seguramente a medicina que máis vidas pode salvar e que maior calidade de vida pode achegar á poboación será a Atención Primaria e a medicina preventiva", pon de relevo o especialista.