Sanidade admite que "existe transmisión comunitaria" de "intensidade descoñecida" na comarca da Coruña

(Imaxe: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
A área sanitaria rexistra 544 casos activos.

A situación xerada polo foco de coronavirus na comarca da Coruña -cuxa área sanitaria esta quinta feira rexistra 544 casos activos- está a causar xa "transmisión comunitaria" do virus, segundo recoñece  Sanidade que, con todo, apunta que a intensidade desta transmisión é "descoñecida".

Así o recolle a orde publicada no Diario Oficial de Galiza desta cuarta feira para actualizar as medidas na zona encamiñadas a conter a Covid-19, e que pasan por reducir acompañantes nos hospitais, establecer quendas preferentes para persoas vulnerables e maiores, aos que se recomenda non saír de casa en horas punta, e manter as restricións de capacidade e lecer nocturno.

En concreto, do informe da Dirección  Xeral de  Saúde Pública sobre a situación epidemiolóxica da comarca da Coruña despréndese un "incremento dos casos e taxas de infección" na área, que se sitúa en 92 por cada 100.000 habitantes, segundo confirmou o propio presidente da Xunta, Núñez Feixoo.

Ademais, o informe apunta un "aumento de cadeas de transmisión independentes" e "unha porcentaxe de casos orfos que indica que existe transmisión comunitaria, aínda que de intensidade descoñecida".

Ante esta situación, os expertos recomendan continuar as medidas restritivas postas en marcha o 7 de agosto na zona e incrementar as directrices en cuestións como as visitas a hospitais. Do mesmo modo, pediuse á poboación máis vulnerable ao virus ou a aquela que ou pode usar máscara, un reforzo na " autoprotección", instándolles a que non saian dos seus domicilios nas horas de máis afluencia de persoas. As medidas revisaranse nun máximo de sete días para avaliar a súa "efectividade real".

O pasado 7 de agosto a Xunta implantou medidas restritivas na área da Coruña para frear o avance do brote, como a suspensión de verbenas e festas, o peche do lecer nocturno en nove concellos ou a supresión de visitas a residencias e peche de centros de día. Naquel momento, o número de casos activos na área sanitaria era de 177, mentres que agora alcanzan os 544.