Sanidade abre a porta a que o comité clínico mellore as condicións da hostalaría

García Comesaña e Núñez Feixoo nunha xornada de comité clínico. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

A Xunta anuncia que na reunión prevista para a sexta feira someterase a debate o funcionamento das medidas ligadas coa desescalada após decaer o estado de alarma. Neste sentido, e despois de descartar ampliar os horarios de bares e cafeterías a semana pasada, agora si entrará esta cuestión na orde do día.

O comité clínico que asesora ao Goberno galego sobre a evolución da pandemia na Galiza e as estratexias de control estudará esta sexta feira se a desescalada está a funcionar sen repercutir nun incremento dos contaxios.

O cambio a nivel do Estado español supuxo no país cuestións como a fin do toque de recoller e a ampliación do tempo de apertura dos restaurantes. No entanto, haberá que decidir se se fan novos axustes de horario na hostalaría como demandou o sector.

Polo de agora hai varios concellos con fechamentos perimetrais, seguen vixentes as restricións do número de persoas que poden reunirse sen convivir (sendo seis en exteriores e catro en interiores) e bares e cafetarías só poden estar abertas até as 23 horas.

De feito, segundo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xa sería posíbel “axustar algún aspecto relacionado” con este tipo de negocios no primeiro encontro de traballo desta semana.

"Trátase de buscar o equilibrio entre a homoxeneidade, o criterio único e a seguridade", afirmou, tendo en conta que a evolución do virus é boa.

O responsábel do Sergas tamén incidiu nas palabras de onte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que agardaba que en “xullo ou agosto” houbera certa relaxación no uso das máscaras.

Sanidade ve opcións nesa liña “en exteriores e con certas condicións”, dependendo de como evolucione a pandemia e a que ritmo vaia recibindo a vacina a poboación.