Sanidade abre mañá o rexistro para que o estudantado galego que volte á casa solicite a PCR

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
O conselleiro de Sanidade non descarta que o comité clínico da segunda feira endureza as restricións de cara ao Nadal. 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que esta segunda feira a Xunta abrirá o sistema de rexistro para que os estudantes galegos que volvan ao seu domicilio familiar durante o Nadal fagan unha proba PCR.

Así o confirmaba na Radio Galega hoxe, onde lembrou tamén outros mecanismos vixentes, como o rexistro de viaxeiros para quen visite a Galiza desde lugares de risco.

Endurecer restricións?

Preguntado sobre se o comité clínico de mañá endurecerá as restricións nalgún concello, o conselleiro limitouse a responder que iso "sempre está enriba da mesa", polo que "non descartaría" que se lle pida aos galegos "un esforzo máis".

Porén, matizou que, de momento, non hai outros concellos cunha situación análoga á de Compostela, que tivo que volver a fecharse porque “a tendencia non era boa ".

Doutra banda, Comesaña declarou sobre A Coruña que "non sería descartábel" levantar as medidas máis restritivas (entre elas, o feche perimetral) antes do Nadal, dada a boa evolución que presenta.

O conselleiro advertiu de novo que non está enriba da mesa "ir máis alá" das medidas recollidas polo protocolo presentado esta semana, mais “a situación pode cambiar" e podería estudarse no comité da segunda feira.

Vacinación

Aínda que a Xunta está pendente de "confirmar" co Ministerio de Sanidade a cifra de doses que recibirá, calculou que se poderá administrar a primeira volta a unhas 40.000 persoas "nas dúas primeiras semanas".

De cara a esa campaña de vacinación que podería comezar o domingo 27, García Comesaña ha confirmou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) traballará con "toda" a súa rede de Atención Primaria, que inclúe uns 2.000 profesionais de enfermaría máis os de Medicina Preventiva e Saúde Laboral nos hospitais.