Sanidade abre a autocita a todas as persoas pendentes de se vacinar contra a Covid

Colas para a vacinación na Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press) #coronavirus #covid19 #vacina #vacinación #inmunización #pandemia #tratamento

Desde as 15 horas desta sexta feira poderán solicitar cita a través da páxina web ou da aplicación Sergas Móbil. Os primeiros ocos dispoñíbeis son para a xente moza de entre 12 a 19 anos, que se vacinarán os dous últimos días de agosto.

A Consellaría de Sanidade está a mudar a programación de vacinación da vindeira semana após que coñecer que Galiza vai recibir só 30% das doses de Moderna prometidas. A confirmación por parte do goberno do Estado obriga a Xunta a reorganizar o calendario confirmou Julio García Comesaña, quen tamén avanzou a apertura da autocita a todas as persoas que aínda non foron vacinadas.

Desde as 15 horas desta sexta feira poderanse solicitar xa as citas para a semana vindeira, tanto a través da páxina web como da aplicación do Sergas.

Sistema de autocita

Os primeiros ocos dispoñíbeis serán para mozos e mozas de entre 12 e 19 anos. Sanidade ofrece 15.000 mais 10.000 citas programadas para a segunda e terza feira respectivamente, 30 e 31 de agosto.

A vindeira sexta feira, 3 de setembro, vacinarase a poboación maior de 20 anos, tantas persoas como sexa posíbel en función das doses que se reciban.

A partir de aí, a autocita ficará aberta a toda a poboación. O sistema de solicitude funcionará desde as 15 horas deste 27 de agosto ben até que se esgoten as prazas ben até 24 horas antes do día de vacinación.

Así, o prazo para solicitar a autocita para a segunda 30 de agosto finalizará ás 00.00 horas do domingo. Para a terza, 31 de agosto, ás 00.00 da segunda, e para a sexta, 3 de setembro, extenderase até 48 horas antes.

Proceso de vacinación

O conselleiro de Sanidade anunciou que agora mesmo estase a traballar na replanificación da programación de vacinación tras confirmar que a próxima segunda feira só chegarán 22.000 doses de Moderna a Galiza, no canto das 70.000 previstas.

No marco dunha visita ao punto de vacinación localizado no recinto feiral de Vigo (Ifevi) García Comesaña resaltou que Galiza vén de superar a barreira dos catro millóns de vacinas administradas, concretamente 4.011.281 doses.

É o segundo trritorio con maior porcentaxe de poboación diana vacinada, con 79,7% coa dobre pauta.