Entrevista a Laura Dalama, xornalista

"O sangue menstrual contén células nai máis fáciles de conseguir que mediante a extración de medula ósea"

[Imaxe: Cedida] Laura Dalama Veiga.
A xornalista Laura Dalama (Ribeira, 1997) vén de presentar o seu traballo final de fin de grao sobre a menstruación. Nel aborda temas como a explotación capital, os tipos de produtos de hixiene existentes e o seu impacto ambiental e persoal, a composición e o uso dos anticonceptivos hormonais e os mitos e beneficios que presenta a regra. 

O teu TFG titulase “negocio menstrual”, de que formas se aproveita o capitalismo das mulleres con menstruación?

Existen moitísimas maneiras polas que se obtén un beneficio capital coa menstruación. No traballo falo, sobre todo, da rendibilidade económica. Esta amósase de forma moi clara nos elevados prezos que teñen as compresas e os tampóns.

As ganancias económicas presentan unha retroalimentación co factor social. O capitalismo fai uso deste último para acadar un crecemento nas vendas. Cando estaba investigando, atopei que os homes que inventaron a píldora decidiron que esta provocase un sangrando artificial. Este non é necesario. Simplemente se implantou para que o consumo do anticonceptivo parecese o máis natural posíbel.

Son as aplicacións de control de ciclo outra forma de beneficio empresarial?

No meu traballo fago referencia a unha investigación de The Wall Street Journal que afirma que Facebook posúe información sobre cando as mulleres desexan quedarse embarazadas, que produtos utilizan, etc. Estes dados son vendidos a outras empresas privadas que as utilizan, por exemplo, para adecuar a súa publicidade ao perfil da persoa que estea utilizando esas aplicacións. Para iso, xeran unhas bases de dados con todos aqueles elementos que identifiquen unha persoa (correo, nome, apelidos, ...) e cruza estas coa súa información empresarial.

A pobreza menstrual fai referencia á falta de produtos de hixiene menstrual derivada dunha mala situación económica.

Os altos prezos dos produtos de hixiene menstrual que mencionaba (non cubertos en moitos países pola Seguridade Social) derivan nunha pobreza menstrual, en que consiste?

Este concepto fai referencia á falta de produtos de hixiene menstrual derivada dunha mala situación económica. É dicir, que unha persoa non poida permitirse pagar o prezo das compresas, tampóns ou copas menstruais. A maiores tamén se inclúe todo o relacionado coa menstruación mais alá do uso destes artigos. É dicir, o caso de que unha persoa poida adquirir os produtos de hixiene menstrual pero non dispoña dun sitio seguro ou coas condicións sanitarias necesarias para poder cambiarse.

A utilización das toallas sanitarias, dos tampóns e dos salvaslips ten un alto impacto medioambiental.

Efectivamente. Estes produtos de hixiene menstrual tardan en degradarse a redor de 500 anos e hai que ter en conta que as persoas con menstruación desbotan, ao longo da súa vida, até 6 toneladas deles. Na actualidade vivimos unha situación medioambiental preocupante e, existindo outros produtos máis ecolóxicos, paréceme innecesario o uso de artigos que o único que fan é xerar residuos.

A maiores cómpre lembrar que todos estes produtos conteñen moitísimos químicos. Estes son prexudiciais para as persoas e tamén afectan ao medio ambiente dunha forma cuxo impacto real aínda descoñecemos.

Os produtos de hixiene menstrual tardan en degradarse a redor de 500 anos

Un deses produtos sustentábeis que cita é a copa menstrual, que outros beneficios presenta?

Se ben é certo que a copa menstrual é de plástico, esta pódese utilizar até dez anos. En cambio, as compresas e os tampóns teñen unha vida útil de seis horas. Así mesmo, a súa longa duración supón un aforro económico. Alén diso, tamén podemos falar dos beneficios para a saúde que implica o seu uso. As copas non presentan todos os compostos químicos que si teñen os demais produtos de hixiene menstrual.

No seu traballo menciona que a receita de anticonceptivos hormonais é unha forma de aforrar custos en diagnósticos por parte das institucións medicas.

Si. Un exemplo claro disto é o caso da endometriose. O seu é un diagnóstico que tarda dez anos de media en darse. Esta enfermidade provoca moita dor, o que fai que as xinecólogas e os xinecólogos, na maioría dos casos, prescriban a píldora para frealo. Eses dez anos supoñen un tempo que o sistema sanitario se aforra noutro tipo de probas médicas. Un período no que a muller toma a píldora todos os días e todos os meses cos seus consecuentes custos. Ao final, as farmacéuticas levan unha parte do diñeiro e o sistema afórrase a parte restante.

A prescrición da píldora nos casos de endometriose fai que o sistema sanitario aforre noutro tipo de probas médicas

Ten o sangue menstrual beneficios para a saúde persoal?

Hai estudos que demostran que o endometrio que provoca a regra contén células nais. Estas últimas posúen moitos beneficios médicos. Utilízanse, por exemplo, na loita contra en enfermidades como o párkinson ou a leucemia. O caso é que as células nais da menstruación son moi fáciles de conseguir e supoñen unha menor doenza e gasto. Actualmente, estas extráense da medula ósea, un proceso que doe moito e que necesita un material médico mais especializado.

Na nosa sociedade existen, no que respecta á menstruación, múltiples crenzas como que é sucia ou ten mal olor, son certas?

Non. O mal olor é algo subxectivo. Para min o sangue menstrual ule a sangue. Si que é verdade que usando compresas ou tampóns pode existir un mal cheiro. Porén, este deriva dos químicos que se usan na composición destes produtos. Sobre a crenza de se é sucia, existen investigacións que afirman que o estilo de vida que levamos inflúe no noso tipo de menstruación. Se temos unha vida máis ou menos saudábel, a regra non debería de ser sucia.