Sandra Rojas Nossa: "Hai casos de morte por velutina en non alérxicos"

Rojas Nossa estuda os efectos da velutina na polinización. (Foto: Nós Diario)
O proxecto 'Atlantic Positive' investiga as consecuencias da colonización da velutina e conta coa participación de cinco Estados europeos. Nós Diario conversa sobre a problemática da velutina con Sandra Rojas, do grupo de Bioloxía Ambiental da UVigo, que participa deste proxecto e vén de presentalo nunha conferencia no Rosal.

—Por que a Vespa velutina supón un problema ambiental?

En realidade a velutina é da familia das vespas mais fai parte dun xénero denominado vespón. O problema ambiental que supón a invasión das velutinas en Europa relacionase con varias das súas características biolóxicas. Unha das mesmas é que fai colonias con moitos individuos, entón é capaz de medrar ao longo do verán consumindo unha gran cantidade de recursos do ambiente, entre os que se atopan os insectos que cazan para levar proteína ás larvas.

Unha das especies atacadas son as abellas e a situación que se causa é que os individuos das colmeas experimentan estrés e deixan de saír ao campo.

—Cales son as consecuencias económicas para a apicultura?

As perdas para o sector da apicultura ao caer a produción de mel, néctar ou polen e aumentar a mortalidade das abellas. As produtoras e produtores, ademais de perder recursos, tamén perden colmeas que teñen que repor e coidar da especie depredadora.

—Prexudican as vespas velutinas a polinización?

Si, a situación tamén afecta aos servizos ecosistémicos que proporcionan as abellas á dinámica ecolóxica, principalmente por ser unha especie con moita capacidade de polinización das plantas. Ao non saír ao campo deixan de cumprir esta función.

Porén, as velutinas non só comen abellas, comen tamén outros insectos, e como son unha especie moi intelixente e que ten un sistema eficiente para comunicarse coas compañeiras de colonia así como memoria das características da contorna e eficiencia na busca de alimento, atopa os sitios onde hai concentración de presas. 

Un dos espazos onde hai concentración de insectos son as flores e plantas, pois estas contan con estratexias de atracción dos mesmos para ser polinizadas. Entón, a Vespa velutina aproveita a concentración de presas existente nas flores para convertelas no seu lugar de ataque. O que estamos a observar, en consecuencia, en Europa, a cal é unha das miñas principais liñas de investigación, na que son pioneira, é que a Vespa velutina ao cazar nas flores e plantas muda o comportamento dos polinizadores nativos.

—Cales son os cambios de comportamento destes insectos?

Algúns grupos de insectos diminúen a frecuencia de visitas florais ao sentir a ameaza da Vespa velutina, como por exemplo as moscas, que son importantes polinizadoras. Tamén temos atopado varias plantas nativas que, indirectamente, polo feito de que a velutina caza na súa contorna, ven afectada a súa reprodución. 

Por outra parte, ao reducirse a cantidade de insectos pola alimentación da velutina, vese afectada a capacidade de provisión doutras especies competidoras pola mesmas presas, como arañas e aves que soportan a súa nutrición e a súa base proteica cos mesmos recursos. A velutina, a comezo e final de tempada tamén tende a consumir moita cantidade de néctar das flores, polo que compite tamén con organismos que o necesitan para a súa alimentación. 

A depredación de e a competencia son os dous mecanismos ecolóxicos a través dos cales a Vespa velutina afecta aos ecosistemas.

—Ten importantes consecuencias para a saúde humana?

Na Galiza incluso temos casos de mortes causadas polas picadas de velutina, e non necesariamente en persoas alérxicas. Ao sufrir múltiples picadas dun veleno tan poderoso como o da velutina, hai consecuencias na saúde. A maioría dos casos a morte son en persoas maiores

É necesario continuar o estudo médico e a xeración de ferramentas efectivas para protexer as persoas das reaccións máis fortes que se presentan coas picadas da Vespa velutina.

Investigación en trampas e atraentes

O grupo de investigación de Ecoloxía Ambiental da Universidade de Vigo, no contexto do proxecto 'Atlantic Positive', especialízase na pescuda sobre a polinización. Alén diso, outra das liñas investigadoras deste grupo, liderado pola profesora Josefina Garrido, é o estudo de trampas e atraentes para a velutina.

Sandra Rojas Nossa insiste en que "as trampas con atraentes que se están empregando e que se están probando cientificamente". Até o de agora, indica, "teñen un grande inconveniente:  atrapan unha gran cantidade de insectos nativos". Isto fai que ademais do efecto que está producindo a Vespa velutina como depredador, a sociedade está provocando tamén "a redución da cantidade de insectos nativos". De aí a importancia de seguir estudando "trampas e atraentes que sexan selectivos" e afecten a menor cantidade posíbel de especies propias da nosa contorna.