Sandra Amézaga, secretaria de Mulleres do Mar de Arousa: "A muller xoga un papel fundamental e pouco recoñecido no mar, agora e sempre"

Sandra Amézaga, politóloga e secretaria de Mulleres do Mar de Arousa (Nós Diario).
Toda a vida de Sandra Amézaga xirou ao redor do mar e dos seus traballos. Estudou Ciencias Políticas e Socioloxía en Madrid mais, sen deixar a súa vocación, seguiu o camiño cara á ría de Arousa coa idea de potenciar os magníficos produtos que alí nacen. Como por casualidade, e moita intuición, funda en 2012 Exquisitec, unha empresa de venda por internet de marisco galego de calidade e participa, ao mesmo tempo, na asociación Mulleres do Mar de Arousa. Desde esta entidade tenta reverter a situación de desigualdade nos ámbitos laborais que vive a muller que vive e traballa do mar.  

Como se chega a vender marisco por internet partindo dos estudos en Socioloxía e Políticas?

Eu estou vencellada ao mar de sempre. Vivín de pequena enriba dunha fábrica de conservas na que meu pai exercía de director. A razón era que viñeramos de fóra e tiveramos que vivir alí. Despois de terminar a carreira comecei a traballar nunha empresa de pesca facendo control de xestión de atuneiros durante máis de vinte anos. Decidín volver á Galiza para traballar na comercialización do peixe.

Moitas amizades pedíanme como favor que lles mercase marisco polo Nadal. Foi daquela cando decidín montar unha empresa. Pensaba xa que había que estar en internet e logo de varias probas decidinme por unha tenda propia. A premisa sempre foi que o marisco fose galego, de pesca artesanal e garantindo a calidade. Facilitar o seu acceso a lugares onde non hai  ou onde non saben mercalo.

A venda por internet directa pode ser unha saída para o sector nestes tempos de incerteza?

Penso que si. Nós mercamos directamente nas lonxas e elas deberían facer un esforzo, aínda que non é o seu campo, por comercializar. Nalgúns produtos os intermediarios desvirtúan todo o proceso. Hai algún caso de éxito, como na confraría de Cambados, que comercializa vieira e funciona moi ben. Sempre din que é moi complicado mais é necesario para dar a valer o produto, que é de máis calidade. As confrarías que o fan, soben os prezos.   

Que papel xoga a muller no mundo do mar galego hoxe?

Un papel fundamental e pouco recoñecido, agora e sempre. Hai que dar voz ás mulleres de hai anos e ás de agora. O marisqueo a pé, por exemplo,é na súa maioría feminino mais nos postos de dirección nas confrarías e nas federacións de confrarías son homes. Creo que patroas maiores agora hai 6 de 63 confrarías. Na ría de Arousa hai unha patroa maior. Ese cambio aínda non se fixo. Eu sempre digo que é porque aínda non soubemos.

Deberíamos mudar a maneira de facer as cousas. As mulleres seguimos tendo unha sobrecarga de traballo cos coidados e así é moi difícil. As mariscadoras son as máis adiantadasderon o paso nos 90.

Como se podería dar máis visibilidade ás mulleres no mar?

Lembro unha xornada que organizamos na que participaron tres mulleres de máis de setenta anos que traballaron na batea, na conserva e no marisqueo. Contaron as súas experiencias e decateime de que tiñan moitas ganas de seren escoitadas. O que contaban non eran anécdotas, eran historias cun gran valor para que non esquezamos o que fixeron. Habería que darlles máis voz.

Hai moitas mulleres traballando no mar, mais moitas veces a figura visíbel é o pai ou o irmán. Non son públicas no sentido de participar en postos de responsabilidade ou en asociacións. Non se fala delas. Temos que facer un esforzo importante para visibilizarnos e aí é onde queremos traballar desde Mulleres do Mar de Arousa. Un dos problemas que temos é que traballamos nun sector ancorado nun paternalismo dependente da Administración, que agarda moitas veces que lle resolvan os problemas.

Falta espírito de colaboración, somos moi individualistas en xeral. Hai que facer un labor de traballo de equipo. Mais no caso da muller é fundamental a sobrecarga de traballo e esta ten que ver coa mentalidade machista que mantemos a nivel social.