Multan a mina de San Finx con 180.000 euros por verteduras ilegais

Mina de San Finx, explotada por Pivotal Metals (Foto: Ecoloxistas en Acción).
A autorización de verteduras que agora se revogará está recorrida nos xulgados do contencioso e existe en paralelo unha demanda penal por posíbeis delitos de prevaricación, falsidade e malversación asociados ao seu outorgamento.

Augas da Galiza vén de declarar a empresa da mina de San Finx, situada en Lousame (comarca de Noia), responsábel da comisión dunha infracción grave pola vertedura de augas de minas con concentracións elevadas de cadmio, cobre, cinc e níquel, impóndolle unha sanción de 180.000 euros. 

A sanción prodúcese logo de que Augas da Galiza –entidade pública empresarial dependente do Executivo galego– recoñecese a necesidade de revogar a autorización de verteduras outorgada á empresa en febreiro de 2023, algo que reclamaron inicialmente desde colectivos ecoloxistas e desde o sector do mar, que intensificaron as protestas e as accións xudiciais. 

De feito, a autorización de verteduras que agora se revogará está recorrida nos xulgados do contencioso e existe en paralelo unha demanda penal por posíbeis delitos de prevaricación, falsidade e malversación asociados ao seu outorgamento.  

Ecoloxistas en Acción e todos os colectivos sociais e do mar agrupados na plataforma contra as verteduras da mina de San Finx celebraron a imposición da sanción, mais consideran que "chega tarde", pois afirman que levan "denunciando a existencia destas verteduras desde 2016". Lamentan, ademais, que as sancións "non veñan acompañadas da imposición das medidas reclamadas para evitar a continuidade da contaminación". Entre elas, o taponamento das galerías de drenaxe e o selado das labores en superficie para minimizar a entrada de auga. Medidas que, en todo caso, seguirán demandando para solucionar este problema dunha vez por todas. 

Porén, segundo alertan os colectivos, a empresa está "desaparecida" e sen titularidade real coñecida desde o pasado verán, o que implica un "posíbel risco de fuga".