Sancionad@s pola defensa de Aurelia terán que presentar novas alegacións

Carga policial no despexo de Aurelia

A instrutora non admite as probas testificais solicitadas pol@s activistas e intenta impedir que poidan rebater directamente a versión policial.

A defensa da anciá coruñesa Aurelia Rei contra o intento de despexala do seu piso no centro da Coruña segue a provocar noticias. A proposta de sanción por 600 euros a oito persoas que participaron da mobilización popular contra o desafiuzamento -e que conseguiu frealo- que presentou a Delegación do Goberno español en Galiza e que afectou, entre outr@s, ao portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, ou aos concelleiros Xosé Manuel Carril (BNG) ou César Santiso (EU) camiña por vía xudicial, posto que @s afectad@s terán que presentar novas alegacións unha vez que a xuíza instrutora descartou algunhas das xa presentadas.

A instrutora rexeitou probas testificais requeridas pola defensa d@s activistas, polo que a policía presentará un informe dos feitos mentres que @s multad@s só poderán facer unha declaración xurada, pero sen ter a posibilidade de contestar directamente a declaración policial, o que se considera que garante mellor os dereitos d@s acusad@s. Porén, esta posibilidade foi negada pola xuíza, así que se presentarán novas alegacións.

A defensa d@s sancionad@s tamén critica que apenas se argumente os motivos que levan a sancionar ás persoas que se opuxeron ao despexo hai xa seis meses.