Reportaxe no Sermos275

Sen sancións para o eucalipto ilegal

O masivo avance dos eucaliptos no bosque galego representa un dos principais sinais de alerta no monte galego. É a árbore que maior incidencia presentou nos incendios No que vai de século, a extensión dos eucaliptais superou de longo as previsións recollidas no vixente plan forestal e malia os anuncios por parte da Xunta dun maior control, ADEGA recolleu centenares de casos de plantacións, talas ilegais e incumprimentos das distancias de seguridade que ilustran a “permisividade” institucional con estas prácticas. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 275.

Un ano e medio de investigación para evidenciar unha “nova onda eucaliptizadora, de desorde forestal e territorial”. Así define a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) o obxectivo do traballo realizado polas súas voluntarias e voluntarios desde comezos de 2016. A organización ecoloxista conseguiu constatar con dados unha cuestión que leva anos denunciando: a falta de vontade política dalgunhas administracións por poñer límites ás plantacións de eucalipto no país.

 

Das 300 denuncias que presentaron perante a Consellaría de Medio Rural sobre os concellos lugueses, só un 10% remataron en sanción ou eliminación das árbores, o 12% foron desestimadas e o restante 78% non obtiveron resposta. Desde o departamento dirixido por Ángeles Vázquez saíron ao paso das críticas poñendo as primeiras cifras sobre a mesa despois da entrada en vigor da Lei de Montes. Nun lustro, o número de plantacións ilegais identificadas pola Xunta ascendeu a 1.650 casos, unha media de 330 por ano. Deles, só un 15% acabou en sanción económica.

 

Uns dados que para o colectivo ecoloxista son “irrisorios” e veñen reforzar as súas sospeitas. Por parte de Medio Rural non negan o baixo cumprimento da normativa, en especial no referente ás distancias mínimas a vivendas, calzadas, pistas ou ríos. O propio director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, recoñeceu que no referente a distancias de seguridade o cumprimento é “anecdótico”, e afirmou que de cumprirse a lei sería “difícil” que ocorrese un incendio similar ao de Pedrógão Grande.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 275 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]