Sánchez nega que invadan as competencias de Madrid ao ordenar o feche

O presidente do Estado español na rolda de prensa desta sexta feira. (Foto: Moncloa)

O presidente do Goberno do Estado español advirte de que a situación na que se atopa a Comunidade, en cuxas saídas producíronse grandes atascos esta tarde, é de “extraordinaria gravidade”.

O presidente do Executivo do Estado español, Pedro Sánchez, non quixo falar do recurso presentado pola presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, ao plan de restricións á mobilidade do Ministerio de Sanidade. Porén, advertiu de que o contexto madrileño é de “extraordinaria gravidade” e recoñeceu que pensa que a cidadanía debe asistir “estupefacta” as leas entre administracións.

Precisamente polo risco de contaxios elevado que hai na comunidade, Sánchez pensa que tomar a iniciativa do confinamento non é invadir competencias.

Así, opina que as recomendacións á Comunidade implican “axudar”, “colaborar” e “coordinar” para intentar pór freo ao ritmo de contaxio.

“A gravidade é a que é e o Goberno respecta o marco competencial e propón unha serie de medidas que van favorecer a aplanar a curva e frear os contaxios do virus nun territorio tan específico e importante como é Madrid”, incidiu.

Sánchez lamentou a actuación dalgúns partidos -nunha clara referencia ao PP- “que non entenden que a política está para dar solucións, non para crear problemas”.

De feito, considera que esas formacións “usan a pandemia” para “polarizar e confrontar”.

Ante estas situacións, pediu á cidadanía que non “perda de vista a gravidade da situación da pandemia”. “Os científicos din que hai que tomar medidas moito máis drásticas”, concluíu.