Sánchez Izquierdo defende que a Radio Galega fiche a ex valedora: “Recuperamos unha voz prestixiosa”

Imaxe: CRTVG

Milagros Otero dimitiu como Valedora do Pobo a finais do pasado mes de xullo. Os seus anos no cargo foron moi cuestionados pola oposición e por diferentes entidades, despois de que en abril o Supremo confirmase a nulidade do nomeamento dunha irmá do portavoz parlamentar do PP na institución.

A decisión da Radio Galega de incorporar como integrante dos seus Faladoiros a ex valedora do Pobo, Milagros Otero, albo dunha sentenza que a implicaba trato de favor desde ese cargo á sobriña de Fraga Iribarne; foi un dos puntos centrais da sesión de control parlamentar á CRTVG. A deputada do BNG Noa Presas exixiu explicación por esa designación a Sánchez Izquierdo, director xeral da compañía pública, lembrándolle que o TSXG sinalara que Otero practicou “desvío de poder e arbitrariedade”.

Sánchez Izquierdo defendeu o nomeamento: “Recuperamos unha voz de prestixio”, dixo, enumerando cargos e recoñecementos profesionais no ámbito do Dereito de Milagros Otero. “Non foi condenada en ningún tribunal”, acrecentou. O director xeral da CRTVG defendeu a “capacidade” e “autoridade” da Radio Galega para “nomear e contratar os seus colaboradores” e insistiu en que “é moi positivo contar cunha persoa recoñecida internacionalmente no ámbito lexislativo dos Dereitos Humanos”, afirmando que para a Radio Galega “é moi positivo ter colaboradoras do calado intelectual” de Milagros Otero.

Fútbol gaélico

A parlamentar nacionalista tamén preguntou na comisión pola escasa cobertura que, dixo, tivo a presenza da selección galega de fútbol gaélico no Mundial de Dublín. Lembrou Presas que a promoción do deporte galego e de base, como é o caso do FG, é unha das “obrigas” que figuran no marco normativo da CRTVG. Por que non se lle dá máis protagonismo a unha selección galega que compite internacionalmente?”, preguntou.

Sánchez Izquierdo defendeu o compromiso co deporte da compañía pública e indicou que a cobertura estivo condicionada por non recibir imaxes do mundial por parte das axencias internacionais que teñen contratadas, indicando que se en 2020 Galiza acolle unha cita deste nivel do FG, “a cobertura será a axeitada”.

Anuncio “sexista”

A deputada socialista Noelia Blanco demandou explicacións polo que considerou “verán da desigualdade” da CRTVG, lamentando o “sexismo” da compañía, apontando un anuncio de que se procuraba para un programa “mamá sexy guapa”, ou o especial maternidade sobre unha presentadora. O director xeral da CRTV dixo que o polémico anuncio foi publicado pola produtora do programa sen coñecemento da CRTVG e sen un uso correcto do logo da compañía pública. “Foi un erro da produtora”, que se subsanou tan pronto se tivo coñecemento.

Valga

De por parte, Xan Xove, polo Grupo Comun da Esquerda, denunciou na comisión "o tratamento informativo morboso que se estaba a facer nos medios públicos do triplo asasinato machista acontecido en Valga". Un tratamento informativoque considera "irrespectuoso" coa memoria das vítimas.