Sánchez Izquierdo carga contra o “clip represor” de sindicatos da CRTVG por pedir a anulación do Land Rober

Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: CRTVG).

O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu o Land Rober en sede parlamentaria ante o episodio machista que abeirou o 8 de abril. Lamentou que o programa fose “deostado” froito “dun erro” e cargou contra “responsábeis sindicais” por reclamaren a cancelación do citado espazo televisivo, un dos máis exitosos da TVG.

"Que foi un erro é obvio" e "pedíronse desculpas desde todos os ángulos posíbeis". Así se referiu na mañá da sexta feira na comisión parlamentaria sobre a CRTVG o director do ente público, Alfonso Sánchez Izquierdo, tras ser cuestionado polos tres grupos políticos con representación no Hórreo a respecto do episodio machista retransmitido no programa Land Rober, presentado por Roberto Vilar.

"Os erros existen e todos os cometemos", expuxo Sánchez Izquierdo, que defendeu que a CRTVG aplica a perspectiva de xénero, con "políticas estruturais e de forma transversal os 365 días do ano".

Sánchez Izquierdo critica os movementos sociais en certa medida descontrolados"

Mais antes de dar conta do acontecido nun dos programas de máis audiencia da TVG, o responsábel dos medios públicos galegos referiuse ao poder das redes sociais cunha análise crítica: "Interesanme moitisimo as novas formas de censura, consecuencia de movementos sociais en certa medida descontrolados", dixo, e fiou a súa reflexión ao "dano que deixou a etapa Trump nas redes sociais" e ao "papel destas no ecosistema audiovisual".

Precisamente, o propio 8 de abril as redes sociais fervían con comentarios contrarios ao acurralamento por parte do presentador do citado programa ao que se estaba vendo sometida a muller acosada pola súa ex parella. 

Rodil: "Parece que as vítimas son vostedes, como se houbese un complot contra o programa e o presentador"

"As redes sociais democratizaron a opinión pública", retrucoulle a deputada nacionalista Olalla Rodil, "hai 20 anos" a CRTVG "podería borrar todo o rastro e aí morría o conto", mais "agora as redes sociais permítennos a todas as persoas construír unha opinión e que teñamos un espazo onde difundila". "O poder que os medios tiñan até hai 20 anos cambaléase", sinalou a parlamentaria do BNG ao respecto, quen criticou: "Parece que as vítimas son vostedes, como se houbese un complot contra o programa e o presentador".

"Tivemos en prime time, no programa estrela da TVG, unha muller acurralada que, sometida a unha presión atroz nun programa da televisión pública, mesmo se botou a chorar, e isto é inadmisíbel e non é ningunha anécdota", advertiu Rodil, quen cualificou o acontecido no programa de "telelixo" e quen lle preguntou ao responsábel da CRTVG se por "movementos sociais descontrolados" se refería ao feminismo.

Sánchez Izquierdo puxo de manifesto que a CRTVG non quixo participar "da posterior reacción nin das polémicas" alén do comunicado emitido o 9 de abril. "En canto ás medidas [polas que preguntou a oposición] tomámolas no mesmo momento da emisión, cando se eliminou calquera mención das redes sociais", dixo. Ademais, "non se subiu á web [o programa] para protexer a identidade da muller".

Por outra banda, ás preguntas de BNG e PSdeG, o director do ente público informou de que a diferenza de tempo entre a gravación e a emisión do programa foi de 12 minutos, sen apenas marxe de actuación. Un extremo que lle criticou a deputada socialista Noa Díaz, quen sinalou que poderían ter emitido "unha película ou unha serie" en lugar do Land Rober.

Sánchez Izquierdo deu a coñecer que o home que acosara a súa ex parella chegou a entrar no plató "nos anuncios" e "co consentimento da muller e das súas acompañantes" e sinalou que a CRTVG carece de imaxes del.

Sánchez Izquierdo: “En 12 anos de vida, con dúas horas en directo, que algún día se cometa un erro, por grave que este sexa, entra dentro do posíbel”

Tamén informou de que os programas son supervisados "desde a área de contidos" por unha "produción delegada". O director da CRTVG, que quixo amosar o seu “desacougo” e a “esperanza por que non volte a acontecer” o que cualificou de “erro” -palabra que no seu día tamén escolleu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana para se referir ao acontecido- concluíu a súa intervención lamentando o “deostado” que foi o programa. “Poñelo en cuestión paréceme un disparate”, expresou, “en 12 anos de vida, con dúas horas en directo, que algún día se cometa un erro, por grave que este sexa, entra dentro do posíbel”.

Mensaxe ao Comité Intercentros

Sánchez Izquierdo finalizou a súa intervención na comisión parlamentaria lanzándolle unha mensaxe ao Comité Intercentros da CRTVG, que reclamara a cancelación do programa. Desta maneira, criticou o “clip represor” dos sindicalistas que pediron suprimir o espazo conducido por Roberto Vilar.

A respecto do presentador, a deputada socialista dixo non saber se a decisión de emitir un programa sobre el foi unha "provocación, unha casualidade ou foi rirse de todos nós". "Repetíronse nese espazo clixés machistas desde o inicio ao final", denunciou.