Sánchez exixirá "responsabilidades" ás enerxéticas polo apagamento eléctrico
Todas as hipóteses sobre as causas do apagamento eléctrico continúan abertas. Mentres a Audiencia Nacional anunciou esta terza feira a apertura dunha investigación para determinar se o mesmo se debeu a unha sabotaxe informática, Rede Eléctrica apunta a dúas perdas de xeración eléctrica consecutivas. Neste contexto, Pedro Sánchez, pon o foco nos operadores privados e avanza unha reforma de fondo do sistema eléctrico.
Pedro Sánchez, que compareceu na maña desta terza feira desde a Moncloa, sinalou en relación coas causas do apagamento que os técnicos de Rede Eléctrica "seguen realizando unha análise do seu sistema e esperamos recibir os seus resultados preliminares nos próximos días". Na mesma dirección, indicou que as compañías privadas xeradoras de electricidade "están a levar a cabo unha análise das telemetrías dos seus centros de produción e xestión, algo que debería permitirnos coñecer con maior detalle que pasou neses cinco segundos que precipitaron a caída do sistema".
"A cidadanía debe ter claro que o Goberno chegará até o fondo neste asunto", asegurou Sánchez, que indicou "que se farán as reformas e tomaranse as medidas que sexan necesarias" e que "imos esixir todas as responsabilidades pertinentes aos operadores privados". Neste sentido, destacou que "os resultados destas pescudas utilizaranse para reforzar o noso sistema eléctrico. Porque é evidente que o que ocorreu esta terza feira non pode volver pasar xamais". Ao tempo, prometeu a máxima transparencia na investigación e puntualizou que “a présa non debe levarnos á desinformación nin ao erro".
A resposta das enerxéticas a Sánchez non tardou en producirse. A primeira hora da tarde desta terza feira, Iberdrola fixo público un comunicado onde aseguraba que "no momento do devandito incidente estaban axustadas todas aquelas centrais do seu parque de xeración que recibiran as pertinentes instrucións por parte de operador do sistema, Rede Eléctrica de España, conforme ás competencias atribuídas ao mesmo e de acordo cos procedementos de comunicación estabelecidos pola regulación". Neste sentido, a eléctrica daba a entender que a segunda feira actuou atendendo aos criterios do regulador estatal.
Sánchez recalcou que "se precisa tempo" e asegurou que "a poboación coñecerá todos os avances a tempo real, a medida que se vaian producindo e tamén os grupos parlamentarios e as comunidades autónomas contarán coa información debida". Neste punto, aseverou que "non existen probas concluíntes para dicir que o evento desta terza feira fose provocado por un ataque terrorista ou por un experimento" e "non houbo un problema de exceso de renovábeis, como tampouco houbo un problema de falta de cobertura, de demanda insatisfeita".
As declaracións do presidente do Goberno chegaron só unhas horas despois de coñecerse que o xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama incoara dilixencias previas para investigar as causas do apagamento da segunda feira, nun auto onde indicou que "o ciberterrorismo se atopa entre unhas das posíbeis" opcións. A este respecto, sinalou que o acontecido é "algo que non ocorrera xamais" e reclamou ao Centro Criptolóxico Nacional e a Rede Eléctrica Española a elaboración de dous informes para que nun prazo improrrogábel de 10 días indiquen os motivos do apagamento.
Rede Eléctrica descartou que o apagamento se debera a "un incidente de ciberseguridade". A este respecto, o director de Servizos á Operación da compañía, Eduardo Prieto afirmou que "esta mañá", en relación con esta terza feira, "puidemos concluír que non houbo ningún tipo de intrusión" conforme á información achegada polo Centro Nacional de Intelixencia (CNI) e polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe). Asemade, lembrou que "nunca tiveramos nos últimos 50 anos un incidente desta natureza".
Prieto ligou o apagamento a "dous incidentes separados"de perda de xeración. Nesta liña, manifestou que "o sistema non foi capaz de sobrevivir a esta perturbación tan extrema e orixinouse o cero de tensión" e apuntou que a compañía está pendente de recibir información dos centros de xeración para "identificar con mellor precisión as causas" así como para "adoptar as medidas necesarias" para evitar que esta situación se repita. Ademais, comprometeu "medidas preventivas para reforzar a seguridade da subministración".
Fernando Branco, membro do colectivo de debate enerxético Bidán, explicou a Nos Diario que "con todas as cautelas, semella que o apagamento debeuse a un problema técnico como consecuencia do desaxuste entre a oferta e demanda derivado dunha alta entrada de electricidade renovábel de orixe fotovoltaico na rede, que no momento do incidente representaba 60% do total". Neste sentido, recalcou que "avarías desta dimensión non son habituais, por sobrecarga en rede, polo que ten que haber proteccións para evitalas".
Branco significa que "a desaparición de 15.000 (MW) megawatts como aconteceu a segunda feira é como se pararan ao mesmo tempo 10 centrais eléctricas como a antiga planta das Pontes, que contaba cunha potencia instalada de 1.400 MW". Neste sentido, lembrou que no momento do incidente "estabamos consumindo 25.000 MW cando a península Ibérica ten unha capacidade de xeración de 124.000 MW".
A profesora do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en política enerxética, Rosa Regueiro, afirma en declaracións a Nós Diario que "o acontecido é moi grave, só pasando un caso semellante na posguerra pero cun sistema eléctrico totalmente diferente ao actual". Neste sentido, indica que "o máis probábel é que a rede veuse curta para albergar o nivel de produción dese momento".
Regueiro asevera que "a Lei 54/1997 do Sector Eléctrico di que Rede Eléctrica Española, empresa mixta, da que é accionista a SEPI pero tamén BlackRock ou Pontegadea, é o operador encargado de distribuír a electricidade. A lei sinala que a rede debe ter a calidade suficiente para garantir a distribución e a min preocúpame que a calidade da rede non sexa suficiente". Neste sentido, reclama ao "Goberno do Estado que poña os puntos sobre o i a Rede Eléctrica para que non se primen os intereses dos fondos privados aos intereses dos consumidores".
O único centro de mando de Rede Eléctrica está en Madrid
O apagamento da segunda feira avanza un debate de fondo sobre o sistema eléctrico. Un deles está ligado ao papel da compañía Rede Eléctrica Española, cuxa actuación foi cuestionada desde as filas da oposición e do propio sector e onde o Executivo español xoga un papel chave. Tanto é así, que a súa máxima responsábel, a antiga ministra socialista de Vivenda Beatriz Corredor foi nomeada polo Goberno. Neste sentido, o membro do colectivo Bidán, Fernando Branco, denuncia a xestión centralizada do sistema de distribución desenvolvido por Rede Eléctrica.
Branco lembra que "actualmente só hai un centro de mando de Rede Eléctrica Española que está emprazado en Madrid desde onde xestionan todo o sistema. Anteriormente Galiza tiña o seu propio centro de control que fecharon". Neste punto, destaca que Galiza tardou máis que outros territorios que non son produtores en recuperar o subministro eléctrico e apunta que o acontecido na segunda feira confirma que "dispor de plantas de xeración de electricidade non asegura nin un acceso preferente nin un acceso continuado da mesma".
As compañías enerxéticas levan, tamén, reclamado desde hai tempo unha reforma do sistema. Neste sentido, afirman que a elevada produción de orixe renovábel está a provocar unha caída dos ingresos e reclaman unha salvagarda de garantía que sen alterar o modelo marxinalista de fixación de prezos fixe uns prezos mínimos para as empresas produtoras. Porén, esta decisión escapa ao ámbito de decisión do Executivo español e os estados comunitarios ven o debate demasiado lonxe para enfrontalo como reclaman os operadores privados das renovábeis.