San Sadurniño vístese de primavera

Flores

O domingo 28 de abril San Sadurniño volverá mudar de faciana para revestila de flores nunha nova edición da Feira de Plantación.

San Sadurniño vira este domingo, 28 de abril, en escaparate da produción floral e da planta ornamental da comarca nunha nova edición da Feira da Plantación, que tamén reunirá artesanía e outros motivos relacionados cos viveiros.

 

A XXIV feira contará con planta de temporada para decorar xardíns e balcóns e tamén con árbores froiteiras e plantas da horta, así como sementes, ferramentas e maquinaria. Mais isto non será todo. O Concello programou toda unha serie de actividades paralelas e animación que fan da feira un motivo ideal para pasar o domingo en San Sadurniño.

 

Os expositores abrirán o domingo ás 10 horas e de 11.30 a 13.30 horas o Mago Antón presentará ante as persoas asistentes o seu último espectáculo, con moitas sorpresas, humor e maxia. De 12 horas a 13 horas desenvolverase o obradoiro infantil de elaboración de queixo e ás 14.15 horas será o primeiro sorteo de lotes de produtos do país.

 

De 16.30 horas a 18.30 horas decorrerá a segunda quenda das actuacións do mago e ás 17 horas as crianzas poderán desfrutar dun obradoiro infantil de elaboración de queixo. Media hora após haberá a oportunidade de gozar da exhibición da asociación Brío e ás 19.15 horas sortearanse máis lotes de produtos do país. Mais ir o domingo a San Sadurniño equivale a recibir un premio, pois as persoas asistentes levarán como agasallo para a casa unha planta que se entregará nunha bolsa de papel reciclado.