San Sadurniño abre novos roteiros de recollida 'porta a porta' após reducir os residuos o 57%

Colectores nalgunha das casas de San Sadurniño coas explicacións de Adega

O suceso alcanzado leva o concello a iniciar este modelo de xestión de residuos nas parroquias de Igrexafeita e Narahío. 

O Concello de San Sadurniño, en colaboración con Adega, ampliarán as zonas de recollida de lixo porta a porta que o goberno local vén desenvolvendo desde o ano 2014 e coa que conseguiu reducir nun 57% a cantidade de residuos que envía a Sogama. 

Na actualidade o municipio abrangue con este modelo 20 lugares de Ferreira e un de Narahío o que supón un percorrido de 40 km. e 70 vivendas. Coa ampliación o sistema porta a porta atinxirá outros 52 km e recollerase o lixo de 45 casas. 

Adega e o goberno local explicaron en visitas domiciliarias á veciñanza o proceso de selección de residuos

Con este modelo a selección dos residuos é maior. Os restos orgánicos pasan a composteiros caseiros mentres que os demais son (envases, vidro, papel e resto) através de bolsas de cores que, a partir deste ano, distribúen entre a veciñanza. A fracción orgánica, que fica na casa, serve para a alimentación animal ou para a produción de compost, quer nunha esterqueira --común no rural-- quer nun contedor específico que pode ser solicitado ao concello. 

Para conseguir unha correcta selección do lixo, Adega e o goberno local desenvolveron unha campaña informativa e didáctica tamén 'porta a porta'. No concreto tres visitas domiciliarias, unha explicativa, unha para resolver dúbidas e a terceira após un ano para valorar o funcionamento do proxecto. Aliás, sinalan, naqueles puntos nos que se produciron incidencias mesmo fixeron unha outra visita para reforzar. 

O modelo porta a porta reduciu nun 57% a cantidade de lixo que envían a Sogama

Desde Adega aseguran que o modelo de xestión de residuos iniciado en San Sadurniño é "viábel" para todo o rural galego. "A chave é que o residuo orgánico non entre nas canles de recollida, co que estariamos traballando no primero chanzo da xerarquía de residuos, que é a redución. Rebaixamos a factura a SOGAMA, melloramos o servizo as persoas (xa que recollemos porta a porta), que participan directamente no proxecto e reciben formación individualizada. Ambientalmente estamos pechando o ciclo da materia orgánica, aumentando a taxa de reciclaxe e evitando a contaminación do transporte e o vertido dos restos orgánicos que en troques, transformamos nun abono de calidade", afirman desde a asociación ecoloxista.