San Martiño Pinario, un negocio de hostalaría que non paga IBI

Cuarto dobre en San Martiño Pinario

As páxinas web de buscadores de hoteis inclúen a hospedería de San Martiño Pinario "onde se pode gozar da inesquecíbel experiencia de vivir nun mosteiro do século XVI". Esta actividade económica da Igrexa católica, con oferta de 127 cuartos de aloxamento complementada con restaurante e tenda de agasallos, non paga o Imposto de Bens Inmóbeis, o que provoca unha competencia desleal para a hostalaría compostelá.

En San Martiño Pinario ofrecen cuartos dobres, individuais coa posibilidade de incorporar unha cama supletoria ou berce; todos dispoñen de cuarto de baño completo, calefacción e un escritorio. Tamén hai cuartos para persoas con mobilidade reducida.

 

Nas propias instalacións hai un restaurante que serve almorzos, xantares e ceas; unha recepción aberta as 24 horas na que se ofrece información turística sobre a zona "e todo iso coa facilidade de poder efectuar os pagamentos mediante tarxeta de crédito", expón a web de Trivago. A iso hai que lle sumar unha tenda de agasallos.

Esta hospedaría ten a clasificación turística de pensión de 1 estrela e nos meses de verán está practicamente ao completo

"As características dos nosos menús e a nosa localización xunto á Catedral, convértenos na mellor opción para grupos e viaxes individuais, independentemente de que se aloxen na estrutura hoteleira", recolle a propia web de San Martiño Pinario. O menú de 12 euros permite escoller entre dous primeiros, dous segundos e inclúe sobremesa e bebida.

Esta hospedaría ten a clasificación turística de pensión de 1 estrela e nos meses de verán está practicamente ao completo, pois hai días que xa non admite reserva ao non ter cuartos dispoñíbeis.

 

Non é Ben de Interese Cultural

 

Nas exencións de IBI que recolle a normativa municipal de Santiago de Compostela figuran os inmóbeis declarados Ben de Interese Cultural (BIC), mais San Martiño Pinario iniciou en 2016 a segunda fase do Plan Director co obxectivo de conseguir esta catalogación que aínda non posúe.

O Tribunal Supremo, nunha sentenza de 2014, avogou pola exención total do pagamento do IBI en todos os inmobles da Igrexa, agás os afectos a explotacións económicas e con fins lucrativos.

Ademais, o Consello de Ministros outorgoulles a potestade aos concellos en 2012 para poderen cobrar o IBI aos edificios declarados Patrimonio Histórico, unha medida de aplicación naqueles que desenvolvan actividades económicas que non sexan de interese xeral, de xeito que hoteis instalados en edificios emblemáticos comezaron a pagar este imposto municipal.

 

O Tribunal Supremo, nunha sentenza de 2014, avogou pola exención total do pagamento do IBI en todos os inmobles da Igrexa, agás os afectos a explotacións económicas e con fins lucrativos. Recoñece así unha aclaración sobre as entidades da Igrexa Católica do artigo IV do Acordo sobre Asuntos Económicos entre o Estado Español e a Santa Sé.

 

Estes acordos asinados en 1979 entre o Estado español e a Igrexa católica detallaban un conxunto de bens exentos deste imposto. Tratábase dos templos e dependencias destinadas á actividade pastoral parroquial e diocesana, residencias de sacerdotes e relixiosos e seminarios. Porén, o resto das propiedades terían que pagar a contribución.

 

Ademais, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea recolleu nunha sentenza de xuño deste ano que as exencións fiscais das que goza a Igrexa católica no Estado español poden constituír axudas prohibidas se se outorgan respecto de actividades económicas. Esta sentenza era sobre a aplicación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), que tamén se lle bonifica nos concellos.