Salvemos Cabana rexeita o novo permiso que a Xunta concedeu á mineira de Corcoesto para ampliar a explotación

Urxen unha información detallada dos postos de traballo que se poden perder na comarca se saen adiante os plans do capital estranxeiro.


A plataforma veciñal Salvemos Cabana rexeita o novo permiso da Xunta de Galiza para a ampliación de labores da empresa mineira Edgewater na comarca de Bergantiños. Nun comunicado de imprensa, informan de que a nova licenza, que afecta fundamentalmente as parroquias coristanquesas de Cereo e Valenza, permitirá rastrexar ouro e outros metais afíns en 630 hectáreas adicionais ao proxecto mineiro de Corcoesto. Tal actividade carrexaría "graves consecuencias sobre a produción da que está considerada como a mellor pataca" da Galiza.

O colectivo manifesta a súa "preocupación" pola contaminación que pode traer á zona o proxecto mineiro da empresa canadense en Corcoesto "como a ampliación de tarefas de explotación" que a Xunta de Galiza vén de lle conceder á empresa dentro do municipio de Coristanco, onde Edgewater prevera xa a instalación da entulleira e dunha das balsas de residuos. En relación a este novo permiso, Salvemos Cabana reclama información "urxente" en que se detallen "cantos postos de traballo poden perderse" nunha bisbarra que ten no sector agrogandeiro e marisqueiro como o seu motor económico.