Salvemos Cabana chama a rexeitar os eólicos de Pena dos Mouros

Zona afectada polo parque eólico Pena dos Mouros. (Foto: Salvemos Cabana)
O proxecto afectaría zonas ambientais protexidas.

O proxecto de parque eólico Pena dos Mouros recolle a instalación de oito aeroxeradores de 200 metros de altura nunha zona de "máxima sensibilidade ambiental" e tamén na contorna da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba (en Vimianzo, comarca de Terra de Soneira).

Así o afirmou onte a asociación de defensa ambiental Salvemos Cabana nun comunicado no que, ademais, "celebra" a denegación do permiso ambiental aos parques Soesto e Monte Chan, entre os municipios de Laxe, Vimianzo e Camariñas (Terra de Soneira).

"Este tipo de proxectos suporían un duro golpe non só para a natureza e os intereses veciñais, senón para toda a actividade económica derivada do turismo, da que de maneira directa e indirecta dependen moitas familias da bisbarra", sinalan desde a asociación. 

O proxecto de EDP Renovables para Pena dos Mouros é o único que fica, agora, pendente de aprobación, o cal implicaría "unha ameaza tanto para a paisaxe como para a biodiversidade" da zona. O parque situaríase a menos de 300 metros de zonas que, segundo Salvemos Cabana, contan coa presenza de até nove especies catalogadas en situación "vulnerábel", atendendo aos catálogos oficiais da lexislación galega e estatal. 

A asociación chama a veciñanza a presentar alegacións ao proxecto, cuxo prazo de entrega remata o 20 de abril.

Manifestación contra as verteduras de San Finx

Tamén en defensa do medio natural galego, a plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx (en Lousame, comarca de Noia) acordou manifestarse en Santiago de Compostela o vindeiro sábado 29 de abril para "continuar a amosar a súa firme oposición" á autorización de verteduras de augas residuais procedentes da mina.