Entrevista

Salvador Soutullo, escritor: "Os coidados teñen que ser públicos e accesíbeis"

Salvador Soutullo, na residencia DomusVi de San Lázaro, en Santiago. (Foto: Arxina).
O escritor e colaborador de Nós Diario Salvador Soutullo (Catalunya, 1965) presenta esta terza feira un libro que, segundo asegura nas primeiras páxinas, nunca pensou en escribir. 'Coidados de maiores e enfermos' é o resultado da súa experiencia como doente de diabetes e usuario dunha residencia de maiores tras sufrir unha amputación.

—Cando e por que se animou a escribir Coidados de maiores e enfermos (Acega Edicións)?
O libro decidinme a escribilo despois de que me amputaran unha perna. Xa digo no libro que por mala sorte ou por falta de coidados a diabetes xogoume unha mala pasada e provocoume falta de circulación. Estiven no hospital e operáronme seis veces até que decidiron cortar, primeiro por debaixo do xeonllo e logo por riba. Tras recibir a alta ingresei nun centro de maiores, en concreto na residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago de Compostela.

Nunca estivera nunha residencia e ingresei con 56 anos. Esta experiencia valeume para observar o funcionamento da institución, a convivencia entre as persoas usuarias e para reflexionar sobre a xestión dos coidados chegada a vellez ou a enfermidade.

—Foi vostede quen escolleu ingresar nunha residencia privada?
É un dos asuntos que trato no libro e un dos temas que máis me interesa destacar. Eu son partidario das residencias públicas. Chegado o momento, creo que todas as persoas que o precisen ou que escollan ir a unha residencia deberan poder optar a unha praza pública, ou polo menos a unha residencia que poidan pagar coa súa pensión, sen necesidade de recorrer a ninguén. Eu estou pagando ao mes 2.300 euros e a miña pensión supera por pouco os 1.000. Iso significa que me teñen que axudar. Dependo da familia para pagar por completo a residencia.

Eu, sen tempo a pedir unha praza pública nunha residencia, tiven que elixir nunha tarde unha residencia de pago, privada. Pedín que estivese en Compostela e mandáronme á DomusVi San Lázaro. 

—Defende un sistema público de coidados, tamén no fogar. 
Nas residencias privadas non se vive mal, mais o problema son os cartos. Os coidados de persoas maiores e enfermas é un dereito, e así é como se teñen que xestionar, non como un negocio. Por iso hai que construír novas residencias públicas. De forma inmediata. Ou iso, ou expropiar as residencias privadas, ou facelas concertadas, como no seu día as escolas. O que non podemos é consentir que as residencias privadas fagan negocio dun problema social tan importante.

Quen precise coidados ten dereito a recibilos e os poderes públicos a obriga de proporcionalos, como piar fundamental do Estado de benestar, ligado á sanidade pública. E a min persoalmente pareceríame ben pagar un pequeno imposto para que isto entre na Seguridade Social. Pero os Gobernos teñen que pórse a traballar xa, tamén para asumir o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para evitar que se meta aí empresa privada. Debera ofrecer máis horas nas casas e chegar a tempo para que as persoas poidan ser atendidas e continuar no seu domicilio.

—No seu libro debulla o modelo actual de coidados. Faino a partir da súa propia experiencia pero tamén de oito conversas con persoal da residencia DomusVi e representantes públicos.
Con Iria Carreira, deputada do BNG no Parlamento e Ovidio Rodeiro, alcalde do PP de Boqueixón, o meu concello. E tamén con traballadoras e responsábeis da residencia na que vivo, entre outros Rodrigo Ríos, o director ao que un ano despois da miña chegada propuxen a creación da asociación A vangarda dos residentes, que axiña foi parte do Consello dos residentes, un órgano de nova creación no que os usuarios participamos con voz e voto, no que propuxemos conmemorar o Día das Letras Galegas e baixar os prezos da cafetaría, cousas que foron adiante.

—Nada máis? 
Tamén solicitamos máis persoal. Non é suficiente. Somos 156 persoas usuarias; válidas, encamadas e con demencias. Non hai psicólogo e as traballadoras, a maioría mulleres, vense superadas moitas veces. Xa o trasladamos pero non fan nada.

Presentacións en Compostela

A libraría Pedreira, en Santiago de Compostela acolle esta terza feira, 28 de novembro, a primeira das tres presentacións públicas previstas na cidade do libro Coidados de maiores e enfermos, de Salvador Soutullo. Terá lugar ás 19.30 horas e contará coa participación da deputada nacionalista Iria Carreira. A segunda decorrerá á mesma hora o 12 de decembro na residencia DomusVi San Lázaro, onde o autor estará acompañado pola gobernanta do centro, Nati Ponte.

A última presentación terá lugar na libraría Couceiro. Será o 14 de decembro. Salvador Soutullo compartirá mesa co ex deputado nacionalista Xesús Veiga Buxán, encargado do limiar do libro, no que destaca a contribución do autor á "defensa  do benestar das persoas dependentes".