Salvador Illa sinala que xa se alcanzou o "pico" da pandemia

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, con Grande-Marlaska.
O obxectivo agora é "dobregar a curva", di o ministro de Sanidade.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, informou onte de que xa se alcanzou o "pico" da pandemia do novo coronavirus, polo que o obxectivo que marcan as autoridades sanitarias para esta semana é "consolidar" a segunda etapa na loita contra a COVID-19, é dicir, "dobregar a curva de novos contaxios".

Illa congratulouse polos datos feitos públicos durante a xornada de onte, cando se detectaron 3.477 novos casos, é dicir, 2% de incremento a respecto das cifras do pasado domingo. Ademais, tamén destacou a subida de 6% no aumento de doentes recuperadas, así como que crecese en 3% o número de persoas falecidas.

"Son uns datos que nos permiten confirmar que superamos xa a primeira fase da epidemia, alcanzando o pico", resaltou, agradecendo o "magnífico comportamento" da cidadanía con respecto ás restritivas medidas que impuxo o Goberno español desde o decreto do estado de alarma, así como ao persoal  sanitario polo seu labor en primeira liña contra a COVID-19.

A pesar destes datos positivos, Illa lembrou que o Estado español "segue en fase de confinamento". "Non iniciamos ningún proceso de  desescalada nin finalizaron as restricións á circulación das persoas", insistiu o ministro, quen sinalou que a volta ao traballo de actividades non esenciais transcorreu con "normalidade".

Neste sentido, defendeu que o Goberno vai ser "moi cauteloso" na relaxación progresiva das medidas. "Imos analizar día a día como vai avanzando a enfermidade, sempre en base á evidencia científica. Hai moitas zonas de incerteza neste virus. En base á evidencia das expertas, imos tomar as decisións, respectando sempre ao máximo posíbel os dereitos e liberdades de todas as cidadás, e analizando todos os posíbeis escenarios", engadiu.

Finalmente, o ministro insistiu na "necesidade" da colaboración entre todas as Administracións, en especial Goberno e comunidades autónomas.