O Salnés acusa unha carencia de radiólogos que comparten todos os hospitais galegos

A veciñanza de Cambados, Catoira, Ribadumia, Vilagarcía, Vilanova e da Illa de Arousa está chamada ao hospital do Salnés. (Foto: Nós Diario).
Persoal especialista pide reforzar a docencia e os cadros profesionais.

Cunha poboación de referencia de 70.000 persoas, o hospital do Salnés, en Vilagarcía, é o máis novo dos comarcais da Galiza. Mais a diferenza doutros, recoñece o seu persoal sanitario, "está moi ben comunicado, con Santiago a media hora e Pontevedra a 20 minutos". Contrapoñen o caso da Mariña ou Valdeorras, a hora e media do hospital máis próximo.

Un dos servizos máis emblemáticos do hospital do Salnés é o de urxencias. "Son enormes en comparación con outros comarcais galegos, pero a dotación do resto de servizos hospitalarios non é proporcional. Ten limitacións de persoal en varios servizos; pero mesmo especialidades que traballan con cadros de persoal ao completo, non deixan de ser servizos pequenos". 

A falta de especialistas fai que as máquinas estean paradas durante quendas enteiras por escaseza de radiólogos que poidan asumir a interpretación dos estudos

A realidade dos hospitais comarcais mudou desde a integración e xestión unitaria de todos os recursos sanitarios -primaria e especializada-, e acabou de transformarse coa creación das sete grandes áreas sanitarias. Con este novo modelo organizativo os hospitais periféricos comezaron a funcionar como "centros satélite" dos hospitais de cabeceira, sen "competencias nin autoridade" para decidir nin reter os recursos propios que viñan xestionando, aseguran desde SOS Sanidade Pública.

Carencias en radioloxía

Na actualidade, os comarcais acusan con máis forza unha falta de especialistas que atravesa todo o sistema sanitario e que afecta sobre todo tres grandes especialidades: medicina interna, traumatoloxía e radioloxía. Anxo Teixeiro exerce desde hai un ano no Salnés após botar seis anos en Ourense como radiólogo. "A Galiza conta con servizos de radiodiagnóstico en todos os hospitais. Todos dispoñen de equipos de radiografía, ecografía, mamografía e tomografía, mais só os grandes teñen resonancia. E todos comparten a carencia de persoal".

Na práctica, di, esa falta de especialistas fai que as máquinas estean paradas durante quendas enteiras por escaseza de radiólogos que poidan asumir a interpretación dos estudos. "Mesmo realizando 'peonadas' -traballo extra remunerado- é difícil optimizalas".

Hai dous meses tiñamos na comarca máis de 2.000 ecografías pendentes de realización, algunhas cun ano de agarda

"No Salnés somos catro de seis, e un está de baixa". Iso afecta directamente os pacientes, que ven aumentar as esperas, e aos propios profesionais, queimados e sen capacidade para asumir o exceso de actividade. "Hai dous meses tiñamos na comarca máis de 2.000 ecografías pendentes de realización, algunhas cun ano de agarda". Estas cifras, asegura, levan ao Sergas a promover derivacións á sanidade privada. "Pero até teñen problemas para que os centros privados acepten externalizacións de ecografías, porque é unha técnica barata que rouba tempo e un beneficio maior".

A falta de especialistas tamén condiciona as gardas e a calidade das probas. No Salnés e en Valdeorras as gardas xa se realizan en remoto. "É unha solución provisional parche que alivia os profesionais e garante a cobertura dos doentes". Sen carencias de persoal, o ideal, recalca Teixeiro, "sería poder revisar con calma as peticións de probas de imaxe, avaliar os antecedentes e facer estudos a pé de máquina, con supervisión inmediata por un radiólogo que poida axustar a cantidade de contraste, o número de disparos precisos, a radiación adecuada, a necesidade de máis probas ou non". Mais a tendencia nos servizos de radiodiagnóstico, debido á sobrecarga, é a realización de estudos "estándares, rutineiros, con menos adaptación á realidade clínica concreta de cada doente".

"Non hai radiólogos. Fallou a previsión e a planificación"

A falta de radiólogos que manifesta o Sergas é certa. "Non hai", confirma Anxo Teixeiro. "Non os atopan porque se fixo unha mala previsión da especialidade e porque ante a demanda, o persoal escolle quen lle ofrece mellores condicións e moitos van á privada". Coincide esta carencia con que se está a xubilar toda a xeración que nutriu na súa orixe o sistema de saúde.

O devalo da poboación na Galiza levou o Goberno galego a reducir os cadros de persoal

"E toda esa xeración que o deixa non se está a repoñer ao mesmo ritmo". Ademais, engade, o devalo da poboación na Galiza levou o Goberno galego a "reducir os cadros de persoal coa idea de que acabará sobrando persoal, mais non tiveron en conta que a medicina cambia e determinadas especialidades como a radioloxía teñen máis volume de traballo". E aumentan aos poucos as prazas MIR, mais esa suba non vai acompañada dunha maior e mellor capacidade docente".