Xustiza

Sen rastro de Segundo Cousido, o salesiano condenado por abusos sexuais e desde hoxe en busca e captura internacional

Os maxistrados rexeitaron o recurso de apelación presentado polo cura. (Foto: Colexio Salesianos)
"Fuxiu coa única intención de subtraerse á acción da xustiza e evitar o cumprimento das penas privativas de liberdade ás que foi condenado", xustifica a Audiencia Provincial de Pontevedra, que o condenara a 32 anos e medio de cadea por abusar sexualmente de seis menores nun campamento escolar.

Segundo Cousido, o cura salesiano de Vigo condenado a 32 anos e medio de cárcere por abusar sexualmente de seis menores, non se presentou na prisión —tras tornar en firme a sentenza— o pasado 27 de febreiro de forma voluntaria, tal e como solicitara a súa defensa alegando "cuestións persoais" e sorteando así a orde de detención que expedira a semana anterior a Garda Civil. O tribunal retiráralle o pasaporte, mais aínda se descoñece o seu paradoiro e non se descarta que abandonase o Estado español, motivo polo que a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, encargada de executar o veredicto, vén de emitir unha orde nacional e internacional de arresto.

"Fuxiu coa única intención de subtraerse á acción da xustiza e evitar o cumprimento das penas privativas de liberdade ás que foi condenado", salientan as maxistradas, que lembran a orde de busca e captura xa emitida o propio día 27 e que a Garda Civil considerou "imposíbel" de levar a cabo, tras non localizar o prófugo no seu domicilio e carecer de pistas sobre a súa posición actual.

Após recibir este informe policial no que se expuña a dificultade de dar con Segundo Cousido, a Audiencia de Pontevedra acordou cursar as citadas ordes de detención e ingreso en prisión a nivel internacional, polo que serán incluídas no Sistema Integrado de Rexistros Administrativos de Apoio á Administración de Xustiza (SIRAJ, polas siglas en castelán) para a súa plena efectividade.

A súa entrada no centro penitenciario atrasouse por mor dos numerosos recursos que presentara o condenado e que provocaron a demora na execución da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, que en maio de 2022 confirmou a condena imposta polo tribunal provincial meses atrás.

O cura valeuse da súa "condición de superioridade" para abusar dos seis rapaces durante un campamento en Cambados

Feitos probados

O salesiano foi condenado a 32 anos e medio de cadea e 36 de liberdade vixiada polos abusos sexuais cometidos sobre seis menores dese colexio. Os feitos sucederon durante un campamento en Cambados, cando o alumnado facía o Camiño de Santiago. Segundo Cousido realizou tocamentos nos xenitais a eses seis rapaces "aproveitando a súa condición de superioridade".

Era o profesor dos mozos e monitor nas súas actividades extraescolares e, aliás, "era o seu amigo e referente", certificou o tribunal, que deu plena credibilidade ao relato dos menores, pois "non gañaron nada" denunciando os feitos, senón que, pola contra, "sufriron as insidias e menosprecios doutros compañeiros que os chamaron mentireiros".