A 'trama' do salesiano pederasta de Vigo, aínda desaparecido, para evitar entrar en prisión

Colexio dos Salesianos de Vigo. (Foto: Google)
A súa avogada pediu un prazo de cinco días para eludir a orde de detención que a Garda Civil prevía executar a pasada semana.

O sacerdote salesiano dun colexio de Vigo que foi condenado a 32 anos e medio de prisión por abusar sexualmente de varios menores, e que se atopa en busca e captura por non ingresar en prisión, evitou ser detido pola Garda Civil hai uns días, alegando que precisaba un prazo para entrar voluntariamente no cárcere —prazo que incumpriu— por "cuestións persoais".

Segundo veñen de informar fontes xudiciais, a Audiencia Provincial de Pontevedra ditara unha orde de detención e ingreso en prisión contra Segundo C.V. e a Garda Civil localizouno en Cambados, en cuxos xulgados asinaba semanalmente para certificar que non abandonara o país.

Nese momento, a súa avogada solicitou á Audiencia que lle concedese un prazo de cinco días para que ingresase no cárcere de forma voluntaria, debido ás súas circunstancias persoais. O tribunal provincial aceptou a petición, tendo en conta que o condenado ten o pasaporte retirado, ten domicilio coñecido, sempre se presentou a asinar e atendera todos os requirimentos xudiciais, polo que ditou un oficio que deixaba sen efecto a orde de detención.

A partir de aí, no canto dos cinco días solicitados, a Audiencia outorgoulle un prazo "inaprazábel" de tres días para que se producise ese ingreso voluntario en prisión, un prazo que Segundo C.V. incumpriu, dado que non se presentou no centro penitenciario a pasada segunda feira.

Debido ao seu paradoiro descoñecido, o tribunal emitiu unha orde de busca e captura para dar con este sacerdote. Polo de agora, á Audiencia non lle consta que se presentase no centro penal para cumprir a súa condena.

Durante o xuízo a Audiencia considerou probado que, durante un campamento extraescolar na localidade de Cambados, nunha peregrinación a Santiago de Compostela e na sede dunha asociación xuvenil vinculada ao colexio, o acusado realizou tocamentos nos xenitais a varios menores, aproveitando a súa condición de superioridade, ao ser profesor dos mozos e monitor nas súas actividades fóra do centro de ensino.

Os maxistrados outorgaron credibilidade ao testemuño dos seis menores e rexeitaron que denunciasen os feitos guiados por un ánimo espúreo ou por interese de prexudicar ao procesado. Ao contrario, na súa resolución lembraron que o acusado "non era só un profesor, era o seu amigo, o seu referente", e os menores "non gañaron nada" denunciando os feitos, senón que, pola contra, "sufriron as insidias e menosprezos doutros compañeiros que os chamaron mentireiros". En maio de 2022, o TSXG ratificou a condena e rexeitou o recurso presentado polo condenado, declarando firme a resolución en outubro.