Xustiza

Ratificada a condena de 32 anos e medio de prisión para un cura salesiano de Vigo por abusar de menores

Os maxistrados rexeitaron o recurso de apelación presentado polo cura. (Foto: Colexio Salesianos)
Os feitos ocorreron en 2019. O acusado achegábase aos mozos cando estes durmían e tocábaos por riba do pixama ou, algunhas veces, por dentro da roupa.

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmou a condena de 32 anos e medio de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un salesiano dun colexio de Vigo por abusar de seis menores.

Na súa resolución, os maxistrados rexeitaron o recurso de apelación interposto polo sacerdote, indicando que a hipótese de que puido practicar os tocamentos outra persoa "preséntase absolutamente fóra dos parámetros probatorios" e subliñando que as probas psicolóxicas que se practicaron sobre o acusado "en nada impiden a realización de feitos" como os descritos.

Aliás, aseguran que nas alegacións pretende "estabelecer sombras de dúbida en canto ás testificales das vítimas", as cales, segundo o alto tribunal galego, cumpren con todos os parámetros de credibilidade e están corroboradas pola proba pericial psicolóxica practicada aos afectados.

Segundo recollía a sentenza da sección cuarta da Audiencia Provincial, o modo de actuar era sempre moi parecido: o acusado achegábase aos mozos cando estes durmían e tocáballes por encima do pixama ou, algunhas veces, por dentro da roupa. Os menores, ao decatarse do que ocorría, trataban de eludir ao seu profesor virándose, pechando o seu saco de durmir ou mesmo póndose unha almofada entre as pernas.

Os feitos producíronse hai tres anos

Segundo recollía a sentenza da Audiencia Provincial, os feitos remóntanse a 2019 e o modo de actuar do sacerdote era sempre moi parecido: o acusado achegábase aos mozos cando estes durmían e tocábaos por riba do pixama ou, algunhas veces, por dentro da roupa.

Os menores, ao decatárense do que ocorría, trataban de eludir ao seu profesor virándose, fechando o seu saco de durmir ou mesmo pondo unha almofada entre as pernas. Dado que a relación do acusado cos mozos era de "amizade e confianza", as vítimas quedaban en estado de shock cando sufrían os tocamentos, e algún deles dubidou á hora de denuncialos por medo a que non o cresen e por vergoña.

Alén deses episodios, o tribunal atribúelle outro delito de abusos, cometido sobre outro menor en xuño de 2019. Nese caso, os feitos ocorreron na sede dunha asociación xuvenil vencellada ao colexio dos Salesianos en Vigo, onde o acusado estaba vendo un partido de fútbol con outros mozos.

Alí, aproveitando que se achegaba a falar cun deles, puxo a súa man nos xenitais do menor que estaba ao seu carón. Cando o mozo se decatou, ergueuse e foi por bebidas e, para evitar sentar de novo xunto a el, acabou acomodándose no chan con outros compañeiros.

Delitos e condenas

En total, foron seis os mozos afectados, e que sobre eles cometeu sete delitos de abusos sexuais, tres deles continuados. En todos os casos, deuse a circunstancia agravante de abuso de superioridade. Os maxistrados outorgaron credibilidade ao testemuño dos menores e rexeitaron que denunciasen os feitos guiados por un ánimo espurio ou por interese de prexudicar ao procesado.

Ao contrario; na súa resolución, lembraron que o agora condenado "non era só un profesor, era o seu amigo e referente". Aliás, os psicólogos forenses que os examinaron determinaron que todos padeceron, como consecuencia deses abusos, danos psicolóxicos en maior ou menor grao, compatíbeis cos feitos que se axuizaron.

En definitiva, a Audiencia apuntaba que os menores "non gañaron nada denunciando os feitos", senón que, pola contra, "sufriron as insidias e menosprezos doutros compañeiros que os chamaron mentireiros".

Por todos estes feitos, o tribunal condenou Segundo C.V. a penas que suman 32 anos e medio de cárcere e 36 anos de liberdade vixiada. Ademais, terá que manterse afastado das súas vítimas entre 4 e 9 anos, e será inhabilitado durante 31 anos para o exercicio de cargo, profesión ou oficio que requira contacto con menores.