Máis defuncións que nacementos: tres décadas de saldo vexetativo negativo

En 2021 naceron na Galiza 14.787 persoas, mais morreron 32.853. (Foto: Nós Diario)
Hai que remontarse a 1987 para constatar na Galiza un número superior de nacementos ao de pasamentos. Só Ames e Salceda tiveron en 2021 un saldo positivo.

A Galiza fechou o ano 2021 cun saldo vexetativo negativo de 18.066 persoas, o que supón un incremento de 2,65% en comparación con 2020, segundo os datos definitivos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Desta maneira, o país acumula máis de 30 anos nos que as defuncións son máis que os nacementos.

Habería que remontarse até 1987 para atopar un exercicio onde o número de persoas falecidas fose inferior ao de recentemente nados, cun saldo positivo de 344. En concreto, en 2021 naceron na Galiza 14.787 persoas, mais morreron 32.853.

Por provincias, na Coruña o saldo negativo foi de 6.965 persoas, tras rexistrar 6.318 bebés e 13.283 falecidos. Pola súa parte, en Lugo naceron 1.622 nenos e faleceron 5.019 persoas, deixando un saldo tamén negativo de 3.397 persoas.

En 2021, Ourense rexistrou 1.399 bebés e 4.695 defuncións, con 3.296 persoas de diferenza. Pontevedra non foi a excepción, contabilizando 5.448 nenos e 9.856 mortos, cun saldo negativo de 4.408 persoas.

Precisamente Lugo e Ourense son as provincias galegas onde se produce esta situación desde hai máis tempo. Así, habería que remontarse a 1980 e a 1978, respectivamente, para atopar un ano con saldo vexetativo positivo nestas demarcacións.

Pola súa parte, A Coruña segue a liña do conxunto da Galiza, xa que en 1987 rexistrou un saldo positivo. Con todo, Pontevedra contabilizou datos positivos en 2009 e 2004, e non foi até 1994 cando comezou a rexistrar cifras negativas.

Por concellos, só dúas das 313 localidades galegas manteñen un saldo vexetativo positivo. Estes son Ames, con 37 bebés máis que falecidos, e Salceda de Caselas, con 13 nenos máis de defuncións rexistradas en 2021.

Entre outros datos, o IGE tamén publicou o número de nacementos e defuncións no segundo trimestre de 2022 en territorio galego. Así, entre abril e xuño, a Galiza rexistrou 8.321 falecidos e 3.423 nacementos, o que supón un saldo vexetativo negativo de case 4.900 persoas.