Salas de consumo supervisado de drogas, un exemplo para Galiza

As experiencias de Bilbo e Barcelona amósanse útiles para un país, como Galiza, con alta incidencia do consumo e tráfico de estupefacientes

 

As narcosalas, salas de consumo hixiénico e supervisado ou de atención socio-sanitaria a drogodependentes,son uns proxectos punteiros, na actualidade vixentes en Barcelona e Bilbo, que procuran un duplo efecto: a redución dos riscos para os usuarios de drogas e asimesmo para a saúde pública. A piques o goberno francés de experimentar cunha iniciativa de beneficios constatados en ambos dous países, cómpre unha análise que expoña as posibilidades deste modelo para unha Galiza na que os efectos do narcotráfico e do consumo de drogas, volven estar de estrita actualidade.

Nestas salas, destinadas principalmente a consumidor@s de heroína e cocaína, persoal cualificado acompaña @s drogodependentes durante todo o proceso de consumo. Usos hixiénicos e seguros do material, unhas doses controladas que permitan espaciar o consumo no tempo e a promoción de vías menos agresivas coma a inhalación fronte á inxección, son os primeiros pasos dun proxecto máis amplo que promove captar os usuarios para logo emprender vías de actuación no eido sanitario e social.

“Ao atraermos a estas persoas, cun grave risco de exclusión social, as salas actúan de base de inicio para aquel@s que están en disposición de tratar o seu problema de saúde; aliás, é unha forma de facilitar programas preventivos e de dispensar tratamentos alternativos como a metadona”, explica Manel Piñeiro dende a Agència de Salut Pública de Barcelona.

Necesidade

A orixe destas iniciativas hai que procurala na década dos '80 e 90', cando o VIH e a hepatite B causaron máis estragos entre a poboación usuaria. Tal e como manifesta Mariona Soria dende a delegación de saúde do concello de Barcelona, estes centros de atención socio-sanitaria xurdiron “para dar resposta a problemas de saúde pública” dado que, ao careceren destes espazos, “moitos drogodependentes inxectábanse na rúa”, co consecuente abandono de material de consumo na vía pública. “Era necesario que @s drogodependentes, coma uns enfermos máis, puidesen consumir de forma hixiénica e máis segura”, explica a funcionaria dende a cidade condal.

Grazas ás narcosalas, en Bilbo e Barcelona diminuiu o número de mortes por VIH e hepatite C, ben como por sobredose

En Bilbo, o lugar elixido para o establecemento da única sala de consumo existente en Euskal Herría foi, en 2003, o céntrico barrio de San Francisco, punto de vendas e consumo constatados. Pola súa banda, en Barcelona funcionan, alén das unidades móbiles espalladas por toda a cidade, catro salas simultaneamente, seguíndose uns criterios chave para a súa implantación: En primeiro lugar, acordouse estender as salas de forma equilibrada pola cidade, para non carregar estes recursos só sobre un punto, e amais determinouse necesario un traballo previo de concienciación comunitaria, para que existise un consenso mínimo.

Demonizar, ignorar

Tal e como afirma Manel Piñeiro, “o control do consumo de drogas na rúa é tarefa integral de tod@s: policía, servizos sociais e de limpeza, urbanismo e mesmo actores privados”. Neste senso, Antoni Llort, antropólogo do grupo IGIA , rede de cooperación solidaria, mantén que “sen @s educador@s de rúa, non se concibirían as salas de consumo”, sendo que “poñen cara a un problema moitas veces demonizado pola ignorancia”, mediando entre usuarios, veciñ@s, os medios de comunicación e a clase política.

Dende o establecemento destas iniciativas, quer en Euskal Herria quer en Catalunya, os resultados máis inmediatos foron a caída de mortes por VIH e hepatite C, ben como por sobredose. Santos Arrieta, responsábel de Munduko Medikuak, organización que coordina a activade da sala de consumo de Bailén no centro da capital vasca, sinala que “está constatado que a implantación dunha sala de consumo non afecta negativamente o entorno do barrio”, tal e como ratificou un informe de Médicos del Mundo Euskadi, concluíndo que “o impacto socio-sanitario” fora positivo.

“O plan de loita contra as drogas xa está consolidado plenamente, normalizado socialmente quer en Barcelona quer na súa periferia e fóra do debate político do día a día”, afirma o voceiro davAgència de Salut. “O autobús da metadona da Zona Franca xa está a 200 metros dun colexio con toda normalidade; isto débese a que @s axentes de saúde e servizos sociais souberon facer alianzas entre @s veciñ@s”, afirma Manel Piñeiro. Este plan, coordinado pola Generalitat e o concello de Barcelona, organiza a súa xestión apoiándose en distintas entidades organizativas e solidarias, como as ONGs.

Vulnerabilidade

Malia que en Bilbo non se acadou un consenso tan amplo e firme, tal e como manifesta Santos Arrieta, “a sala de consumo de Bailén fundouse co acordo das tres institucións máis importantes”: o goberno vasco, a deputación foral de Bizkaia e o concello de Bilbao. “Na actualidade hai unha aposta clara da continuidade do recurso”, afirma o voceiro de Munduko Medikuak. En contraste con Barcelona, son estas tres institucións as que apoian economicamente a xestión da sala de consumo, alén de botar man de fondos europeos que, coma os FEDER, céntranse neste caso en rehabilitar un dos sectores máis vulnerábeis da sociedade.